O incendio na parroquia de Nieva, en Avión, xa supera as 150 hectáreas de monte calcinadas

O Concello de Avión informou á veciñanza esta mesma tarde que o incendio declarado na parroquia de Nieva se atopaba perimetrado, segundo a valoración dos técnicos que traballan na zona. Neste sentido, as autoridades municipais engaden que os servizos de extinción, cos medios aéreos e terrestres despregados, prevían o seu control e estabilización nas vindeiras horas. Sen embargo, a Consellería de Medio Rural vén de informar, á primeira hora da noite, que o lume xa calcinara 150 hectáreas

O lume declarouse pasadas as 17,00 horas de onte en montes da parroquia de Santa María de Nieva, no municipio de Avión, e na súa extinción está mobilizado un conxunto total de 3 técnicos, 18 axentes, 27 brigadas, 16 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 6 avións.

Dende o Concello lembran aos veciños a importancia de extremar a precaución debido á presenza de fume na zona, evitando desprazamentos innecesarios en automóbil e seguindo sempre as indicacións das autoridades. Asemade, o Concello quere “transmitir unha mensaxe de tranquilidade a tódolos seus veciños e veciñas, agradecendo a colaboración cidadá e o esforzo dos equipos de emerxencias, brigadas forestais, persoal técnico e voluntariado, e en especial ao GES Avión e ao Policía Local.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------