Espazo Común critica a excesiva suba da taxa do lixo aos veciños do rural do Carballiño

O grupo municipal de Espazo Común vén de alertar sobre o incremento sufrido pola taxa por recollida de lixo á veciñanza do rural do Carballiño, un 234%, con respecto ao ano pasado, e que achacan ao feito de que a xestión dos recibos fose traspasada polo Concello á Deputación Provincial.

Lembran que a taxa aprobada para o 2024 nos lugares con un só día de recollida á semana era de 23,96 euros, “e os fogares do rural que pagaban esa cifra están a recibir recibos de 19,98 euros por trimestre pero só polo primeiro trimestre”. Califican este feito de “unha estafa, un tocomocho de manual, pois unha simple multiplicación dá un saldo de 79,94 euros a pagar no total dos catro trimestres do ano”.

Dende Espazo Común aseguran que “denunciamos por activa e por pasiva que esto sería un desastre para este pobo. Por primeira vez, o noso Concello non fixa o prezo dun servizo de competencia municipal. O PSOE local fixo o que ven facendo dende hai tempo: baixar os pantalóns ante as demandas do PP con tal de manterse na ecuación de goberno”.

E adiantan que “no vindeiro pleno extraordinario a celebrar o 4 de setembro imos demandar ao goberno municipal que anule este acordo e que a taxa volte a ser de competencia do Concello do Carballiño, voltando aos prezos anteriores”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------