SOBRE A PROPOSTA DE NOVAS LIÑAS E HORARIOS DO AUTOBÚS URBANO
Nunha primeira lectura da proposta de novas liñas e horarios que se fai desde a Alcaldía, a Directiva da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, chega a unha conclusión: Seixalbo perde. A herdanza que nos vai deixar o Señor Alcalde respecto da mobilidade é nefasta, por moitas piruetas verbais que está a utilizar e, sen dúbida, vai continuar utilizando.
Dato mata relato. “Lo medible no es opinable”
A proposta presentada polo concello de Ourense é substituír as actuais Liñas 1, 2, 14 e 33 por unha única liña denominada 2-A con frecuencia cada 30 minutos, con saída en Santa Cruz e remate no Cumial (e viceversa)
«2-A: Troncal noroeste – sur. Santa Cruz – O Cumial. É a ruta máis longa (20 km), e unirá Santa Cruz de Arrabaldo coa UNED, a estación, o pavillón, o centro, a Residencia (á altura de Nosa Señora da Saínza), a Universidade Laboral, A Cuña e O Cumial. A frecuencia, cada 30 minutos, redúcese a 15 ao ir sincronizada coa liña 2-B nalgunhas paradas do treito común entre as dúas.»
Evidentemente, para manter a frecuencia cada 30 minutos dunha liña con 20 km farán falta varios vehículos (e condutores), pero supoñemos que estará debidamente estudiado.
Ademáis crea a 2-B que non chega a Seixalbo, coas seguintes características:
«2-B: Noroeste – sur. Praza 200 – Tanatorio. Liña máis curta que a 2-A e con frecuencias similares.»
Nesta primeira lectura, observamos que Seixalbo perde aproximadamente a metade das frecuencias que existían cando o Sr. Jácome chegou a alcaldía. Debemos lembrar que cando rematou a concesión do Bus Urbano en 2015, existían 61 frecuencias de IDA e outras tantas de VOLTA, cunha media de catro autobuses por hora en cada sentido en cunha puntualidade considerable.
Nesta nova proposta, pasaríamos a 32 frecuencias de IDA e outras tantas de VOLTA, cunha media de dous autobuses por hora en cada sentido, é dicir, perderíamos practicamente a metade dos autobuses desde que o Sr. Jácome tomou as riendas do concello.
Pediriamos, como mal menor, engadir dúas paradas máis a liña 2-B e que suba ata Seixalbo (en vez de rematar no Tanatorio), incorporando esta liña a este núcleo con máis de mil habitantes.
Un pequeno “retoque” que, sen embargo, melloraría substancialmente este “vanguardista” plan.
Esperamos e desexamos que outros barrios melloren, aínda que de xeito colateral Seixalbo teña que perder. Tampouco hai que esquecer que estas liñas “non son de Seixalbo”, son un eixo transversal Norte-Sur de Ourense que move máis de cinco millóns de viaxeiros ao ano.
Ignoramos as paradas que establece o novo deseño, e confiamos en que se manteñan a totalidade das actuais, incluída a parada interior.
Seguiremos con atención o desenvolvemento deste novo plan pois, parafraseando a Murphy, si algo pode empeorar, empeorará.