A cuarta edición de ‘OUR FEST’ chegará a Expourense o vindeiro sábado 27 de setembro

OUR FEST regresa o sábado 27 de setembro a Expourense cunha cuarta edición que confirma a cidade das Burgas como un punto de
encontro imprescindible para a música independente alternativa. En apenas tres edicións, o festival conseguiu atraer público de toda Galicia, distintas zonas da península e o norte de Portugal, xerando impacto cultural e social, e ofrecendo experiencias irrepetibles ao
achegar artistas que, en moitos casos, visitaban Galicia por primeira vez. Este 2025, o cartel preséntase como un dos máis ambiciosos ata a data.

Desde Viena chegan Kruder & Dorfmeister en formato DJ Set, pioneiros do downtempo e o trip hop, cuxo legado marcou a toda unha xeración de oíntes. O seu recompilatorio “The K&D Sessions” converteuse en referencia universal e a súa forma de mesturar bases hipnóticas con atmosferas envolventes segue sendo un espello no que se mira boa parte da electrónica actual. Xunto a eles estarán os lendarios Happy Mondays, responsables de dar forma ao movemento Manchester. A súa capacidade para mesturar rock, funk e psicodelia cunha actitude descarada definiu toda unha época. Con discos como “Pills ’n’ Thrills and Bellyaches” e cancións que aínda resoan na memoria colectiva como “Step On” ou “Kinky Afro”, o seu directo é pura celebración: unha viaxe que conecta o espírito dos noventa co
presente.

Ademais, a psicodelia expansiva de Mercury Rev traerá unha das experiencias sonoras máis singulares desta edición. Desde a súa formación en Nova Iork a finais dos oitenta, transitaron entre o shoegaze, o pop sinfónico e a experimentación máis radical, ata asinar discos esenciais como “Deserter’s Songs”, elixido álbum do ano por NME en 1998. Os seus concertos, aplaudidos por medios como Rolling Stone ou The Guardian, son viaxes inmersivos onde cada tema abre un universo propio.

No apartado estatal, León Benavente reafirman o seu lugar entre os grandes nomes do rock. Formados en 2012, construíron un repertorio que mestura crudeza e lucidez cun pulso bailable e eléctrico, con discos esenciais como “León Benavente”, “2”, “Vamos a volvernos
locos” ou “ERA”. Agora chegan a Ourense con “Nueva sinfonía sobre el caos”, publicado en 2024, un traballo breve pero intenso que condensa toda a súa enerxía en cancións poderosas, valentes e hedonistas. O seu directo, sempre magnético, convérteos nunha das
experiencias imprescindibles desta edición.

Así mesmo, o espírito inquedo e renovador do festival reflíctese na presenza de Viva Belgrado, que tras doce anos de carreira e máis de trinta países ás súas costas transformaron a intensidade do post-hardcore nunha linguaxe propia. Con discos como “Bellavista” e “Cancionero de los cielos” —este último, disco do ano 2024 para RockZone—, a banda cordobesa converte cada concerto nunha descarga catártica onde emotividade e crudeza van da man. O de OUR FEST será ademais o primeiro da súa xira en Ourense, un
arranque simbólico para unha das formacións máis imprescindibles da escena actual.

Finalmente, desde Londres chegan Dream Nails, trío punk feminista que combina furia e empatía nun discurso combativo e festivo a partes iguais. Con Doom Loop, aclamado por Kerrang! ou NME, consolidaron o seu salto internacional, e co seu sinxelo de 2024, Control,
producido polo gañador dun Grammy Adrian Bushby, demostraron que a súa proposta pode ser tan poderosa no pogo como contaxiosa na pista de baile. A súa identidade está profundamente ligada á escena queer e á reivindicación de espazos seguros onde a música
se converte nun acto de resistencia, comunidade e celebración.

OUR FEST conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo 2025, ademais da colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e Estrella Galicia, que acompañou ao festival desde a súa primeira edición como un dos grandes aliados do proxecto.

Con esta cuarta edición, OUR FEST consolida a súa identidade: un espazo cun cartel que
reflicte pasado, presente e futuro da música alternativa, e coa ambición de seguir facendo de Ourense un lugar ao que mirar cada setembro.
As entradas para OUR FEST 2025 continúan dispoñibles en www.ourfest.gal e www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros (+ gastos de xestión).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------