A veciñanza de Doade e a plataforma SOS Suido-Seixo veñen de entregar nos rexistros dos concellos afectados, na Subdelegación do Goberno en Pontevedra e en máis concellos do país máis de 3000 alegacións ao proxecto Mina Doade. “A implicación solidaria de veciñanza e organizacións foi chave. Estes resultados son unha mostra máis do rexeitamento social que xera este proxecto mineiro“, subliñan dende a plataforma.
Nas alegacións ampárase técnicamente o que xa se viña denunciando desde que se tivo acceso á documentación cando saiu publicado o 18 de xullo de 2025 no DOG e ao longo destes dous anos. O proxecto é inviable técnicamente, non se garantiron os dereitos das comunidades locais en canto ao acceso á información, e obsérvase un conflicto de intereses gravísimo, ao entrar como accionista a empresa mixta da Xunta, da que forma parte Carlos Martínez Torres, ex-director de Recursos Minerales de Galicia e anterior responsable do proxecto Mina Doade; ademais SOS Suído-Seixo revela que o propio Carlos Martínez foi contratado pola Comisión Europea como experto independente para asesorar sobre a selección dos proxectos estratéxicos europeos. “Cómo se determina que é un experto independente, se probablemente participou na redacción da candidatura cando facía parte da empresa? Cómo se pode determinar a súa imparcialidade? Será por iso que a Comisión Europea aínda non mostrou a documentación técnica e científica que ampara a viabilidade dos proxectos para escollerse como estratéxicos? Como imos facer valer os nosos dereitos se quen vai avaliar a viabilidade ambiental do proxecto mineiro, é un promotor do proxecto mineiro?”, pregúntanse dende a plataforma.
Por outro lado, colectivos e veciñanza reiteran a denuncia das malas prácticas da empresa, coa recente publicación en prensa de que trasladaban a súa sede fiscal a unha oficina en Beariz tratando de dar unha imaxe de completitude a un proxecto que está lonxe de estar completo, que se proba co feito de que a imaxe presentada nos medios é unha montaxe na que o cartaz superior co logo de “Mina Doade” foi engadida por ordenador. Veciños e veciñas de Doade comprobaron en primeira persoa que a única modificación aparente do local foron os dous pósters colocados nas carteleiras da sucursal bancaria que alí había e esa mesma tarde, deixaron constancia do seu rexeitamento cubríndoos por fóra con cartaces contra a mina.
SOS Suido-Seixo agradece á veciñanza, a todas as asociacións locais, galegas e internacionais e ao equipo de profesionais técnicos a súa implicación: “A solidariedade foi e está sendo imparable, e iso garantiu que se puideran presentar unhas alegacións exhaustivas, amparadas con informes de expertos de varios ámbitos a pesar do pouco tempo que tivemos (só 30 días desde que tivemos acceso a parte da documentación, aínda non nos deron acceso ás solicitudes das prórrogas dos permisos de investigación), todas as Comunidades de Montes afectadas presentaron alegacións referendadas por colectivos e asociacións ecoloxistas de defensa da terra ao longo do país e iso a Xunta ten que saber lelo”.