As Festas da Virxe do Portal de Ribadavia, que deron comezo xa na xornada do venres 5 e se extenderán ata o martes 9 de setembro, volven encher a vila dun completo programa cultural, musical e festivo con máis de 30 actividades para todas as idades. Entre as citas máis emblemáticas, destaca a tradicional alfombra floral en honra á Virxe do Portal, elaborada pola Asociación de Mulleres Rurais de Ribadavia, que este ano se confeccionará como ofrenda ao Concello de Beade.
A alfombra, que comezará a facerse o domingo ás 19.00 horas, terá unhas dimensións de 37 metros de longo por 8 de ancho e contará cunha composición especial debido ás dificultades para conseguir flores tras as altas temperaturas do verán e a afectación dos incendios na comarca. Nesta edición, a creación botará man principalmente de margarita amarela, clavel branco, mirto, area de cores e borra de café, unha combinación que permitirá manter o nivel artístico e estético da alfombra.
O traballo preparatorio xa comezou o xoves, cando arredor de 15 persoas participaron no proceso de desfacer o mirto, a única materia que pode manipularse con antelación. As flores, en cambio, só poden prepararse o propio día da confección. Desde a Asociación de Mulleres Rurais subliñan o agradecemento ás persoas voluntarias, especialmente á xente nova, “porque moitas das mulleres da asociación xa teñen unha idade avanzada que lles dificulta pasar tanto tempo arrodilladas, e a súa colaboración é imprescindible para manter viva esta tradición”.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que a alfombra floral é “un dos sinais de identidade das Festas do Portal e unha mostra da forza do noso tecido asociativo”. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, puxo en valor “o esforzo das Mulleres Rurais por manter esta tradición viva e por innovar cada ano malia as dificultades”.
Ademais da alfombra, o programa das Festas da Virxe do Portal 2025 ofrece numerosas propostas para todos os públicos. Despois da gran apertura das festas por parte da emblemática banda Burningo onte, venres; este sábado 6, terá lugar a IX Quedada de Motos Clásicas, o desfile de Don Pedro e Dona Ana cos cabezudos e o Festival Arteficial, organizado pola mocidade local, ademais da verbena coa Orquestra Royal Espectáculo. O domingo 7, ademais da alfombra floral, os máis pequenos poderán desfrutar do espectáculo de Pakolas e da música tradicional de Os Coribantes, antes da verbena da Orquestra Ritmo Joven.
O luns 8 será a quenda da procesión, a misa solemne e o concerto da Banda A Lira de Ribadavia, rematando a xornada cunha gran tirada de fogos artificiais e a verbena de Gin Toni’s. O martes 9, día grande da patroa, a misa e a recollida da Virxe irán acompañadas pola Banda de Guerra Brilat Galicia VII.
Con esta programación, Ribadavia consolídase un ano máis como referente cultural e festivo da provincia de Ourense, ofrecendo tradición, música e actividades pensadas para todas as idades.