Unha vez pechado o proceso de información pública da solicitude de concesión de explotación de Mina Doade, o proceso administrativo segue o seu curso e, a partir de agora, Recursos Minerais de Galicia, S.A, promotora do proxecto de extracción de minerais de litio e feldespatos en Beariz, recibirá as alegacións presentadas durante o período de información pública, así como os informes sectoriais dos diferentes organismos públicos.
Despois, realizará un balance desta información e iniciará unha nova fase que incluirá a contestación a todas as alegacións, así como a valoración das observacións e propostas de mellora do proxecto. “Durante as últimas semanas o proxecto ao completo foi sometido a información pública e agora esperamos recibir as alegacións e informes que se presentaron de maneira oficial. O noso equipo técnico está preparado para analizalas todas, darlles resposta e valorar as achegas técnicas e científicas que poidan servir para mellorar o proxecto”, explica José Luis Corbacho responsable de Mina Doade.
Mantendo o compromiso de transparencia para que todos os interesados teñan acceso a toda a información do proxecto mineiro de forma veraz, clara, concisa e actualizada, na páxina web minadoade.gal, no seu apartado de transparencia, mantense o acceso completo ao expediente de solicitude de concesión de explotación, así como a toda a información relevante. A documentación presentada por Recursos Minerais de Galicia, SA consta de máis de 8.700 páxinas (700 MB de información) agrupadas en máis de cen documentos. Compila os traballos de decenas de profesionais entre enxeñeiros, xeólogos, químicos, técnicos ambientais, economistas, xuristas e sociólogos reunidos nunha vintena de grupos de investigación universitaria, empresas especializadas e equipos internos de Grupo SAMCA.