A conselleira María M. Allegue reúnese en Carballeda de Avia con veciños afectados polos incendios

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reuniuse hoxe con veciños afectados polos lumes no concello ourensán de Carballeda de Avia. Xunto á directora territorial da Consellería en Ourense, Pilar Fernández, visitou o núcleo de Vilariño, e deu conta á veciñanza das liñas das axudas activadas pola Xunta en materia de vivenda.

Allegue insistiu no compromiso do Goberno galego para axilizar “coa máxima celeridade” a tramitación destas achegas, a fin de que as persoas afectadas poidan comezar canto antes a recuperación dos fogares. A conselleira lembrou que as axudas da Xunta poden acadar case 150.000€ no caso de vivendas habituais, xa que aos 132.000€ para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200€ polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, as axudas son de ata 66.000€ e 5.400€ para o enxoval.

Ademais, o Goberno galego tamén asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos de aloxamento provisional, transporte ou mudanza. Os afectados poderán percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, o que lles permitirá axilizar obras de rehabilitación das vivendas. Todos os damnificados teñen a súa disposición o teléfono 012 e o persoal do IGVS, e tamén nas 16 oficinas despregadas nas zonas afectadas poden resolver todas as súas dúbidas.

Tras case dúas semanas activo, os equipos de extinción conqueriron controlar, o pasado 27 de agosto, os lumes que se habían iniciado dúas semanas antes, o 15 de agosto, en montes das parroquias de Vilar de Condes e As Regadas, nos municipios de Carballeda de Avia e Beade, e que logo se extenderon a montes colindantes dos concellos de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia, queimando máis de 4.000 hectáreas de superficie. Para traballar na súa extinción mobilizáronse seis técnicos, 114 axentes, 196 brigadas, 110 motobombas, catro pas, dúas unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------