A Garda Civil detén a tres persoas que roubaron 24.620€ e xoias en vivendas de Arcos e do barrio da Uceira

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Equipo Roca da Comandancia da Garda Civil de Ourense, no marco da operación ‘RECOU’, vén de desarticular un grupo criminal coa detención de tres persoas, ademais de investigar a outras dúas -que se atopan cumprindo condea nos centros penitenciarios de O Pereiro de Aguiar e Monterroso- como presuntos autores de tres delitos de roubo con forza e un delito continuado de furto.

Un dos roubos que se lle imputan foi cometido o 20 de xullo do pasado ano, na localidade de Arcos, no municipio do Carballiño. Alí, tras acceder con forza nunha vivenda, apoderáronse de 24.000 euros en efectivo e varias xoias. Ademais, un dos integrantes desta banda criminal xa sustraxera no mesmo inmoble xoias de xeito continuado entre os anos 2019 e 2021, aproveitando que tiña acceso ao interior da vivenda ao ter unha relación familiar cos seus propietarios.

Tamén se lle imputan a este grupo de detidos outro roubo con forza nun inmoble do barrio da Uceira, na mesma parroquia carballiñesa de Arcos, sucedido o 15 de febreiro do presente ano. Nesta ocasión, tras utilizar o método do escalo mediante o manexo dunha escada previamente roubada, tiveron acceso a un bloque de vivendas e entraron nunha delas, situada na segunda planta, apoderándose de 620 euros e bolsos que contiñan tarxetas bancarias e documentación persoal.

Os tres detidos pasaron á disposición xudicial do Tribunal de Instancia Plaza 1 do Carballiño, que decretou o seu ingreso en prisión.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------