A oitava edición do ‘Arenteiro Fotográfico’ ofrece dúas novidades importantes no seu desenvolvemento durante os meses de setembro e outubro no Carballiño. A primeira, o traslado da sede das exposicións, que serán un total de 17, ao Auditorio Manuel María. A segunda, a edición dun libro que serve como guía para non perderse ningunha das actividades programadas.
Alba R. Chan, Ale Megale, Ana Iglesias, Aurora Soler Vidal, Cristina Abilleira, Grupo Bazán, o IES Chamoso Lamas, Jota Barros, María Tudela, Reflexos, O Potiños en Marrocos e en Branco e Negro, Roberto Steinbrüggen, Xaime Cortizo e Fotosíntese, ademais dos tres premiados no Concurso Fotográfico 2024, entre outras, integran a variada mostra de propostas artísticas nesta edición de 2025, que será inaugurada mañá, sábado día 13, ás 17,30 horas, nas dependencias do propio Auditorio carballiñés. A mostra poderá visitarse ata o 26 de outubro.
O programa tamén contempla a presenza de Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959), o afamado fotoxornalista, que protagonizará unha master class na Casa da Cultura o sábado 11 de outubro, ás 17,00 horas, con entrada libre ata completar aforo.