Reunión de alcaldes e representantes da comarca do Ribeiro, coa Directora Provincial da Inspección de Traballo de Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta mañá, a alcaldesa de Cenlle, xunto cos alcaldes de Beade e Castrelo de Miño, e concelleiros
dos municipios de Arnoia, Ribadavia e Leiro, reuníronse coa directora provincial da Inspección de
Traballo de Ourense, Genoveva García Ballón, para trasladarlle a preocupación das inspeccións de
traballo realizadas na comarca do Ribeiro con motivo de inicio das vendimas.
A reunión, que se desenvolveu nun ambiente cordial, tivo como obxectivo abordar a preocupación
da veciñanza e os representantes municipais ante a falta de información e a incerteza sobre a
posibilidade de que persoas amigas, veciños ou familiares poidan axudar de forma altruísta nos
traballos de vendima sen infrinxir a normativa de traballo.
Os representantes municipais destacaron a importancia da colaboración xenerosa entre veciños,
familiares e amigos na comarca, unha tradición que se mantivo durante anos. Con todo, expresaron
a súa preocupación pola posible inseguridade xurídica que poidan sentir os veciños ante as
inspeccións de traballo, xa que consideran que bastante castigada está a comarca coa Flavescencia
Dourada, o mildiu que este ano atacou especialmente ao Ribeiro, os incendios e o abandono de
parcelas ante tanta burocracia e falta de persoal.
A directora provincial da Inspección de Traballo, Genoveva García Ballón, explicou que as
inspeccións son rutinarias e realízanse todos os anos co obxectivo de garantir o cumprimento da
normativa laboral. Así mesmo, amosou a súa disposición a colaborar cos concellos para informar e
asesorar aos veciños e propietarios de viñedos sobre as condicións nas que se pode realizar a
colaboración altruísta nas vendimas.
Os representantes municipais agradeceron o bo talante da directora, e comprenden que as
inspeccións son unha ferramenta para evitar a explotación de traballadores, pero así mesmo, piden
da Administración estatal unha sensibilización maior coa solidariedade entre familiares e amigos
para desenvolver os traballos colectivos como ben marca a tradición na Galicia rural dende sempre.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------