O arranxo da pista de Portela da Cruz a Hedreira beneficia aos concellos de Avión e Beariz

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a importancia da colaboración institucional na mellora das infraestruturas rurais. En concreto referiuse ás actuacións de reparación da pista Portela da Cruz-Hedreira, cun investimento de preto de 200.000 euros e realizadas ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais 2025. Esta acción beneficia os municipios da Lama, na provincia de Pontevedra, e de Avión e Beariz, na de Ourense.

A conselleira, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e tamén polos alcaldes de Beariz, Manuel Prado, e Avión, Antonio montero, destacou durante a súa visita que esta intervención permitir mellorar case seis quilómetros e medio de lonxitude desta vía, que comunica os referidos concellos, mediante a limpeza de foxos, saneos, bacheos, regularizacións do firme e aplicación dun dobre tratamento superficial para pavimentación e posterior selado.

Segundo explicou Gómez, o obxectivo destes labores foi o de impulsar a mobilidade nesta contorna, para mellorar a calidade de vida das persoas do rural e tamén para propiciar a saída e a comercialización das producións agrogandeiras, polo que -engadiu- esta medida ten valor tanto desde o punto de vista social como económico.

Plan Camiña Rural

Cómpre sinalar que esta iniciativa súmase ao labor desenvolvido polo Goberno galego a través do denominado Plan Camiña Rural, destinado á mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas.  

Este plan prevé un investimento total, para o conxunto de Galicia, de máis de 18 millóns de euros para 299 concellos galegos. En concreto, os tres beneficiarios da obra visitada hoxe pola conselleira (A Lama, Avión e Beariz), recibirán unha achega global de preto de 160.000 euros ao abeiro deste Plan.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------