O ‘IV Festival Celta de San Amaro’ ofrece mañá no Castro de San Cibrán de Lás un completo programa de actividades

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo de teatro Dar Trela, coa colaboración do Concello, organiza mañá, sábado 20 de setembro, o ‘IV Festival Celta de San Amaro’, unha cita única que reivindica a cultura castrexa e rende homenaxe a un dos seus grandes impulsores: o druida Víctor Gulías, recentemente falecido.

Este evento contará cunha ampla programación de actividades culturais, gastronómicas e musicais, pensadas para todas as idades e para toda a veciñanza e visitantes que queiran mergullarse co pasado celta do municipio de San Amaro.

O programa abrirase ás 12,30 horas coa ‘Benvida do Druída’, adentrándose no interior do castro e amenizado con música antiga e a elaboración e degustación de gastronomía castrexa, ata ás 13,30 horas, cando se leve a cabo a escenificación da pelexa entre a Lúa e o Ferro.

Ao fío das 14,30 horas terá lugar un xantar popular, cun menú composto de empanada e carne ao caldeiro, se ben cada persoa que se achegue ata o castro pode levar comida libremente, e haberá unha sobremesa musical a cargo do grupo Kalte.

Tra-lo xantar, ás 17,00 horas, celebrarase unha demostración de artesanía castrexa, cun obradoiro de roupa castrexa; tiro con arco; actividades infantís (deseño e pintura de escudos castrexos, xogos de habilidade, ornamentos galaicos).

A continuación, o historiador carballiñés Felipe Senén López e o músico Xurxo Souto develarán os ‘Segredos do Castro’, e, ás 20,30 horas, os integrantes de Dar Trela ofrecerán a ‘Oración ao sol’. A xornada rematará, dende as 21,00 horas, cunha degustación de porco celta e os concertos de Gabi Reboredo e o grupo Zeltia Irevire.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------