O Concello do Carballiño levará a cabo unha renovación das instalacións da Biblioteca Pública Municipal para adecuar o espazo ás necesidades actuais e mellorar o benestar dos numerosos usuarios e usuarias que se achegan a recoller libros, ler, estudar e mesmo participar en actividades.
A intervención, valorada en 30.000 euros, inclúe a renovación integral do mobiliario do segundo andar (ademais da demolición dun tabique e do peche do oco en forxado), así como diversas reparacións en paramentos e carpintaría interiores de todo o edificio. A financiación da intervención provén do Plan CooperOU da Deputación de Ourense, a través do que se distribúen as aportacións estatais ás entidades locais.
As obras darán comezo o próximo luns, 29 de setembro, polo que as persoas con libros en préstamo poderán devolvelos nas oficinas da Área municipal de Cultura, ubicado no segundo andar da Casa do Concello. Lorena Castro, concelleira de Educación, pon en valor esta intervención na Biblioteca, a primeira das previstas polo Concello. “Somos conscientes das necesidades da biblioteca e xa estamos traballando nas próximas actuacións”, avanza a responsable deste departamento.