O grupo de teatro Dar Trela, coa colaboración do Concello, organizou este pasado sábado o ‘IV Festival Céltico de San Amaro’, unha cita única que reivindica a cultura castrexa e na que se rendeu homenaxe a un dos seus grandes impulsores: o druida Víctor Gulías, recentemente falecido. Todo elo, no marco incomparable do Castro de San Cibrán de Lás, un poblado con máis de 2.000 anos de historia e no que chegaron a residir 2.000 habitantes.
Este evento contou cunha ampla programación de actividades culturais, gastronómicas e musicais, pensadas para todas as idades e para toda a veciñanza e visitantes, que se mergullaron no pasado celta do municipio de San Amaro.
O programa abríuse ás 12,30 horas coa ‘Benvida do Druída’, adentrándose no interior do castro e amenizado con música antiga e a elaboración e degustación de gastronomía castrexa, ata ás 13,30 horas, cando se levou a cabo a escenificación da pelexa entre a Lúa e o Ferro.
Ao fío das 14,30 horas celebrouse un xantar popular, cun menú composto de empanada e carne ao caldeiro, se ben cada persoa que se achegou ata o recinto castrexo tiña a posibilidade de levar comida libremente. O grupo Kalte encargouse de amenizar a sobremesa.
Tra-lo xantar, ás 17,00 horas, organizouse unha demostración de artesanía castrexa, cun obradoiro de roupa castrexa; tiro con arco; actividades infantís (deseño e pintura de escudos castrexos, xogos de habilidade, ornamentos galaicos).
A continuación, o historiador carballiñés Felipe Senén López e o músico Xurxo Souto develaron os ‘Segredos do Castro’, e, ás 20,30 horas, os integrantes de Dar Trela ofreceron a representación da ‘Oración ao sol’. A xornada rematou cunha degustación de porco celta e os concertos de Gabi Reboredo e o grupo Zeltia Irevire.