Roi Freixedo, subcampión de España en pistola velocidade e dobre ouro en pistola de aire, no CEAR de Granada

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O xove Roi Freixedo González, do Irixo, vén de obter o subcampionato de España na modalidade de pistola de aire e dous ouros, na competición individual e por equipos, no programa deportivo celebrado do 16 ao 21 de setembro no Centro Especializado de Alto Rendemento (CEAR) de Granada, que acolleu a participación de 400 tiradores en competicións nacionais e internacionais de precisión e prato.

O centro, referente internacional do tiro, albergou o Match Ibérico de 10/25/50 metros, o III Gran Prix Internacional Las Gabias de Aire, a Copa Federación de Foso Olímpico e o Campionato de España de Armas Olímpicas do calibre 22LR (Carabina 50 metros Tres Posicións, Pistola Deportiva e Pistola Velocidade), e tamén se disputou nas modalidades non olímpicas de Carabina Tendido e Pistola Libre.

Roi Freixedo, que cumplíu os 18 anos o pasado mes de agosto, desprazouse ata alí dende o Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat del Vallés (Barcelona), onde se atopa interno grazas a unha bolsa concedida polo Consello Superior de Deportes a proposta da Real Federación Española de Tiro Olímpico. Alí compaxina os adestramentos cos estudos na Universidade Autónoma de Barcelona.

O mozo do Irixo participou no III Gran Prix Internacional Las Gabias, facéndose con dous ouros, un na competición individual e outro en equipos de clubs, e tamén no Campionato de España de Armas Olímpicas na modalidade de Pistola Velocidade, proclamándose subcampión de España. Hai que ter en conta que é a primeira vez que Roi Freixedo compite nesta modalidade olímpica xa que ata os 18 anos non se pode obter o permiso de armas F, que te faculta para o uso de armas curtas de fogo.

Cunha pistola do calibre 22, o programa consiste en disparar sobre cinco dianas diferentes de 50 cm de diámetro situadas a 25 metros de distancia, puntuando de 5 a 10 puntos. A proba consta de 60 disparos de competición, divididos en dúas fases de 30 disparos cada unha. Cada fase está subdividida en seis (6) series de cinco (5) disparos cada unha. Dúas series de 5 disparos en 8 segundos, dúas de outros 5 disparos en 6 segundos y remátase con dúas series de 5 disparos en 4 segundos. En cada serie efectúase un disparo a cada unha das cinco dianas no tempo límite especificado para cada serie. Antes de cada unha das fases de competición realízase unha serie de proba tamén de cinco disparos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------