O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe, acompañado polo alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, o remodelado campo de fútbol da Queixeira, onde a institución provincial consignou diversas axudas que suman un montante total de máis de 500.000€ (medio millón de euros).
Menor amosou a súa satisfacción por ver materializada “unha das accións que en materia de infraestruturas deportivas promovemos desde a Deputación”. Ademais, fixo fincapé na gran masa de seareiros do fútbol que existe neste municipio, grazas sobre todo “a contar cun club representativo en toda a provincia como é o Atlético Arnoia”. Por este motivo, argumentou Menor que a remodelación do campo de fútbol da Queixeira “era unha obra necesaria para adecuar as instalacións ao nivel deportivo deste club”.
O presidente da Deputación sinalou que esta obra responde á “aposta firme” que realiza o goberno provincial en materia de fomento do deporte e mellora das infraestruturas deportivas, amosando a súa confianza en que con esta substancial adecuación do campo de fútbol dun club tan representativo, “ningún neno quedará sen cumprir a súa paixón co fútbol”.
Pola súa banda, o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, lembrou que esta importante obra no campo da Queixeira, contou tamén coa colaboración da Xunta para a súa ampliación, asumindo a Deputación a instalación de herba artificial. Agradeceu á institución provincial a súa colaboración con esta mellora que permitirá, segundo explicou, “que a práctica deste deporte nos siga dando moitas alegrías”.
No transcurso da visita, Menor e Aparicio lembraron que o Concello da Arnoia recibirá ao longo do mandato 2024-2027 un investimento da Deputación de preto de 615.000 euros (613.859,82 euros) procedente do Plan de Cooperación CooperOU, que permite planificar e executar proxectos que sexan prioritarios para a veciñanza.