O PSdeG-PSOE de Ourense traslada ao Parlamento as súas inquedanzas sobre o futuro do balneario de Berán

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a situación do balneario de Berán, que permanece pechado, a pesar dos importantes investimentos públicos que ten recibido nos últimos anos. As e os socialistas afirman que a cidadanía do Ribeiro e o conxunto da sociedade galega “teñen dereito a coñecer o destino dos recursos públicos investidos, así como a planificación prevista para a reapertura e posta en funcionamento deste equipamento, clave para o desenvolvemento económico e turístico da zona”.

O Grupo Parlamentario Socialista presentou o 21 de maio unha petición formal de documentación, na que solicitaban copia e/ou acceso ao expediente completo, no que conste a información relativa ás subvencións, convenios ou axudas públicas outorgadas pola Xunta desde o ano 2000 ao balneario de Berán. Tal e como explican as e os socialistas “o goberno galego tiña 20 días para contestar, pero a día de hoxe seguimos sen respostas”.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que esta situación demostra que “estamos ante unha falta absoluta de transparencia e opacidade que non é admisible nun goberno democrático” e pregúntase “que ten que ocultar a Xunta de Galicia neste senso”. A parlamentaria socialista lembra que diversas administracións públicas “teñen participado no financiamento de actuacións para a rehabilitación, modernización e posta en valor deste recurso termal, con fondos procedentes de subvencións, convenios e outras liñas de axudas”.

Rodríguez Dacosta ten claro que o balneario de Berán “é hoxe un monumento ao abandono institucional e ao malgasto de fondos públicos, e non é algo que diga eu, senón que abonda con achegarse ata aló para ver de primeira man a realidade, cun espazo que debería ser un emblema da comarca, totalmente pechado”. Asemade, a representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia tamén apunta a que Berán “leva vinte anos agardando, vinte anos perdidos” e fai fincapé en que “a Xunta prefire optar por parches e mirar para outro lado en lugar de asumir responsabilidades”.

As e os socialistas teñen claro que o balneario de Berán “non é só unha instalación pechada, é a demostración de que, sen planificación, sen control e sen vontade política, o termalismo galego non terá futuro”. Ante o “silencio” e a falta de “transparencia” por parte da Xunta, o PSdeG volverá a reiterar as súas preguntas en relación ao balneario de Berán este venres en sede parlamentaria.

Así, o PSdeG-PSOE traslada estas preguntas ao Goberno da Xunta:

1.    Cal é a situación actual do balneario de Berán (Leiro), e cales son as razóns polas que permanece pechado malia os investimentos realizados?

2.    Podería o Goberno galego detallar as subvencións, convenios, axudas públicas ou investimentos directos realizados dende o ano 2000 no balneario de Berán, especificando importes, datas, conceptos e entidades beneficiarias?

3.    Existen plans ou previsións por parte da Xunta de Galicia para a reapertura do balneario? En caso afirmativo, cales son os prazos e condicións previstas?

Cabe lembrar que a Entidade Local Menor de Berán, como titular das instalacións, procedeu neste mesmo ano á apertura dun concurso aberto para a explotación do centro termal, que quedou deserto ó non concurrir ningunha empresa ao mesmo.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------