Ribeiro en Común critica ao PP pola súa postura sobre Palestina

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Goberno do PP négase a votar a favor do apoio público a Palestina no balcón do Concello de Ribadavia.

Non votou a favor de mostrar a solidariedade coa poboación civil de Palestina no balcón do Concello de Ribadavia.

Durante o debate o alcalde declinou intervir sobre este asunto, a pesar de ser preguntado de si vai colocar a bandeira palestina ou algún lema en solidariedade coa poboación palestina, ou contra os crimes de Netanyahu.

Ribadavia 27 de setembro.


Ribadavia non apoiará publicamente a Palestina a pesar de ser aprobado en Pleno

No pleno de setembro debateuse unha Moción presentada por Ribeiro en Común que pedía a colocación no balcón do Concello do lema : “Ribadavia con Palestina. Pola paz e a liberdade”. E, “Basta xa de crimes contra a humanidade”.

Tampouco se mostraron favorables á colocación da bandeira de palestina, en sinal de solidariedade coa poboación civil de Palestina.

No debate e posterior votación, todos os grupos da oposición se posicionaron a favor de expresar o apoio a Palestina e condenar o xenocidio que o goberno de Israel está cometendo nos territorios ocupados de Palestina. O PP non quixo votar a favor de expresar o seu apoio de forma pública na Casa do Concello de Ribadavia.

Deciden non votar a favor para non cumprir o acordo plenario, e non expresar publicamente a solidariedade de Ribadavia, xa que saíu aprobado só cos votos dos grupos da oposición. O grupo de goberno ten decidido incumprir esta moción aprobada en Pleno, por iso non quixeron votar a favor, pero tampouco tiveron a valentía nin honestidade mínima para votar en contra da Moción.

O cinismo do alcalde de Ribadavia queda unha vez máis demostrada, o mesmo fixo como presidente rotatorio da Rede de xuderías de España cando se negou a trasladar á asemblea xeral desta asociación o acordo do Pleno Municipal que pedía o desbloqueo da axuda humanitaria e condenaba os crimes de Israel.

Actúan así, con este cinismo, porque saben do apoio social case maioritario ao pobo de Gaza e a condena case unánime contra os crimes de Israel.

Cinismo que se fai insoportable cando este mesmo grupo no pasado pedira a colocación da bandeira de Ucraína no balcón do Concello.

A pesar destas negativas, seguiremos a reclamar o que consideramos está na nosa man para mostrar a repulsa do xenocidio e os crimes de Netanyahu, pedir a paz para Palestina e berrar alto e claro: Basta XA.

Desexamos e agardamos que o goberno local rectifique.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------