O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, Manuel Prado, o estado das obras da nova senda peonil na estrada OU-212 no núcleo de Lebozán situado no concello de Beariz, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vai investir preto de 50.000 euros.
O delegado territorial explicou que as actuacións que se levarán a cabo teñen como obxectivo reforzar a seguridade nesta estrada coa execución desta senda peonil situada na marxe dereita do punto quilométrico 2+060 e 2+250, de 2 metros de ancho e bordo. Nesta liña, Manuel Pardo subliñou que a construción desta infraestrutura dará continuidade ás beirarrúas existentes e facilitarán a mobilidade peonil entre as vivendas de Busto e o núcleo de Lebozán.
Unha “importante intervención” que segundo o representante do Goberno galego “atende ás necesidades de mellora da seguridade viaria nesta contorna con paso constante de peóns que fan uso dos distintos servizos existentes na zona”. “Un exemplo máis -mantivo o delegado- dos esforzos da Xunta pola mellora da rede viaria e a dotación de itinerarios que favorezan os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro aos veciños”.
A estrutura proxectada contará de 2 metros de anchura, en formigón HA-25, con espesor de 12 centímetros e bordo de formigón prefabricado de 22 centímetros de anchura, elevado 5 centímetros sobre a estrada. No acceso do 2+195 reforzarase o formigón para asegurar a durabilidade fronte ao paso de vehículos ocasional. A soleira de formigón disponse sobre unha capa base de chan seleccionado de 20 centímetros de espesor.
Aproveitarase esta intervención para executar unha banda de beiravía de 50 centímetros a partir da liña branca actual, executándose en formigón HA-25 de 20 centímetros de espesor sobre base de saburra de 25 centímetros. Ademais a intervención incluirá as canalizacións de previsión de servizos de telecomunicacións, electricidade e iluminación. Na obra contémplase a disposición de sumidoiros que recollan a auga de escorrentía que discorra xunto ao bordo.