O Servizo Galego de Saúde vén de adxudicar á empresa Coviastec S.L. a construción do novo centro de saúde de Boborás por un importe de 1.816.809 euros. A nova infraestrutura permitirá ampliar en máis de 200 m² a superficie do actual centro de saúde ata acadar os 786 m², o que tamén posibilitará a ampliación dos seus servizos.
Defínese un novo edificio para centro de saúde cunha superficie de 682,07 m2 construídos, cun deseño que busca a mellor integración co entorno en todos os seus aspectos: implantación da parcela, volumetría, deseño ou emprego de materiais característicos da zona, como a pedra e a madeira. O edificio confórmase como un elemento lonxitudinal, paralelo á vía de acceso, Evaristo Riande, próximo ao borde sur da parcela.
O edificio pecharase cun muro de cachotería tradicional que o separará da vía pública e daralle privacidade, xerándose entre o edificio e o peche un patio lonxitudinal cunha lixeira pérgola vexetada, que protexerá do sol no verán. Na parte norte da parcela conservarase a maioría do arboredo existente, autóctono, que será complementado con novas árbores adicionais, dando ao conxunto un carácter natural.
O deseño do edificio que se vén de aprobar segue así a mesma liña de integración respectuosa coa contorna e o medio natural, a través da apertura de patios e espazos acristalados que introducen a visión de natureza no edificio, e espazos axardinados como un patio de entrada ou un patio lonxitudinal da zona de consultas. Na súa execución, proponse o emprego de materiais naturais, e especialmente a madeira, pola sensación de confort e dunha contorna segura saudable e acolledor. Tamén se aproveitará ao máximo da luz natural no edificio, prestando especial atención ás zonas de consultas.
No que se refire á distribución funcional do novo centro de saúde de Boborás, a planta baixa, destinarase ás consultas e as zonas de espera, que se dividen en dúas zonas separadas pola zona de acceso e recepción. As esperas estarán orientadas cara ao bosque natural (cara ao norte) e as consultas cara a un patio lonxitudinal e o sur. Na planta superior proxéctase un pequeno volume que acolle os espazos privados para o persoal de saúde: sala de xuntas e vestiarios.
A zona de entrada principal, dende a rúa Evaristo Riande, configúrase arredor dun patio: unha árbore xa existente, unha suave rampla cuberta, uns bancos, un escenario de madeira no porte, cualifican o acceso ao centro, xerando espazos de calidade neste acceso dende a vía pública. Tamén haberá acceso peonil desde o aparcamento traseiro, que converxerá co acceso principal no vestíbulo situado no centro do edificio. Ademais, o acceso de ambulancias e de persoal sitúase na zona sueste da parcela.
En concreto, posibilitará dispor dunha consulta para a saúde da muller, unha consulta polivalente de urxencias e outra destinada aos pacientes respiratorios. Ademais, o novo inmoble contará con dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermería e tamén unha novas sala de xuntas.
A empresa adxudicataria dispón do prazo de 16 meses para levar a cabo a construción deste novo centro de saúde co que se optimizará a calidade dos servizos asistenciais nesta localidade ourensá.