A localidade de Arenteiro converterase o vindeiro domingo no epicentro gastronómico da comarca carballiñesa coa celebración da oitava edición da ‘Festa dos Callos’ do Concello de Piñor, unha cita que vén acompañada por un programa parello de actividades, entre as que se contempla unha concentración de motos, xogos infantís e unha actuación musical.
A xornada abrirase ás 10,00 horas coa saída da caravana de motos participantes na concentración dende a Praza do Arenteiro, que percorrerán estradas e pistas da contorna, cunha pequena parada para degustar uns petiscos e logo regresar para o xantar da festa, que dará comezo ás 13,30 horas. O menú estará composto por empanada, lacón cocido, ración de callos e postre, acompañado por auga, viño ou refrescos, para rematar con café e choupiños, cun prezo de 25 euros por comensal, mentres os menores de 10 anos poden acceder gratis ao recinto.
As persoas interesadas en asistir deberán mercar as súas entradas ao longo de hoxe, día 1 de outubro, data límite fixada pola organización, xa que non se venderán o mesmo día do evento. Os lugares para adquirilas son: a Casa do Concello; Restaurante e Gasolineira Ateneo, no Reino; bar O Refugio, en Cotelas, e na farmacia Marina Diéguez, en Piñor, aínda que se poden mercar ‘on line’ obtendo o código QR do cartaz oficial do festexo.
Na Praza do Arenteiro instalaranse tamén uns xogos inchables para os máis cativos e a velada estará acompañada pola actuación dun grupo musical.