“O mal do miolo” e “De marzo a marzo” abren esta fin de semana a Mostra de Teatro Amador do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vindeiro sábado comeza a XVIII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” que organiza Tiruleque Grupo de Teatro e conta coa colaboración do Concello do Carballiño e a Deputación de Ourense. Son dúas obras para este fin de semana. As representacións terán lugar ás 20,00 h no Auditorio Manuel María do Carballiño, cun prezo de 5€ por cada entrada.

O sábado, 4 de outubro, o grupo de teatro Pico do Castro de Foz porá en escena  a comedia “O mal do miolo”: O lugar de encontro, un consultorio psicolóxico. Os personaxes, un doutor con dominio en temas de psique humana e un doente cun complexo de Edipo tan grande, pero tan grande, que… ata o mesmo Edipo lle recomendaría terapia! Así as cousas, o doente pouco a pouco irá sacando das casiñas a un doutor moi resistente a desbordarse a pesar do desfile de ocorrencias e situacións, insólitas e raras, que lle propón o seu doente. Neste senso, ambas personaxes disputarán o protagonismo da escena tratando, con moita intelixencia e humor, temas como a incomunicación familiar, os condicionamentos sociais, a hipocrisía, a soidade, a sexualidade.


O domingo, 5 de outubro, serán os actores e actrices de Opaí Teatro Canido SRD de Ferrol os que ofrecerán a obra “De marzo a marzo”, os sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, sobre os que un rapaz ten que facer un traballo para a escola. Os máis vellos da familia recordan aqueles tempos de loita mentres o resto das personaxes, e eles mesmos, se enfrontan aos desafíos da vida actual. De marzo a marzo é un diálogo constante entre o presente e o pasado, entre a comedia e o drama, entre a tenrura e a rabia. Un retrato actual das cousas que cambian co paso da historia e daquelas que parecen non mudar.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------