Remate da campaña arqueolóxica no Castro de Garfián en Beariz

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O pasado sábado, 27 de setembro,  celebrouse unha visita guiada ao Castro de Garfián como deste ano 2025. A dita actuación foi financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e contou tamén coa colaboración do Concello de Beariz.

O Castro de Garfián, -GA32011010-, sitúase preto do lugar de Garfián, na parroquia de Sta María de Beariz, no concello ourensán de Beariz. Trátase dun poboado fortificado da Idade do Ferro emprazado nun outeiro con fortes pendentes nos sectores N, L e S, e que se prolonga en forma de esporón na orientación O-NO. Na parte alta do outeiro está o recinto principal, a croa, de planta tendente a circular, e que ten aproximadamente uns 70-80 metros de diámetro. A croa está delimitada por un parapeto que destaca ao exterior cunha altura que oscila entre os tres metros na zona sur, os tres/catro metros nas zonas norte e leste, e uns cinco metros de altura na oeste. Nesa zona oeste destaca a presenza dun gran afloramento alongado de xisto que segue unha orientación N-S e que foi aproveitado como elemento defensivo do castro por esa banda; neste afloramento atópanse varias rochas con gravados rupestres (GA32011062), a base de cazoletas ou coviñas, varias liñas alongadas (posiblemente serpentiformes), tres cruces xunto a dous rebaixes rectangulares. O xacemento forma parte dos recursos que o Concello de Beariz ten no seu programa de roteiros culturais.

Este xacemento arqueolóxico figura protexido no catálogo de bens culturais do Plan Básico Autonómico de Galicia, aprobado polo Decreto 83/2018, de 26 de xullo (DOG núm. 162, do 27.08.2018), e polo tanto ten a condición de ben catalogado do Patrimonio Cultural de Galicia en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia.

Desde 2021 leváronse a cabo varias actuacións de roza, de documentación e de sondaxes arqueolóxicas neste xacemento que permitiron identificar e delimitar os seus elementos principais. A destacar a exhumación dun pequeno tramo da muralla pétrea que defende este sitio e dunha das súas entradas de acceso, estruturas que posteriormente foron consolidadas e acondicionadas para a súa visita.

Tendo en conta os valores culturais que posúe o Castro Garfián, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considerou necesario continuar neste ano 2025 cos traballos arqueolóxicos de investigación e rexistro deste xacemento arqueolóxico, ademais de realizar labores de consolidación preventiva de cara a súa conservación. Nesta nova campaña os traballos centráronse fundamentalmente na ampliación da escavación arqueolóxica da zona de acceso ao castro localizada na campaña 2024, xunto coa limpeza dos petróglifos situado nun dos afloramentos da croa do castro.

En concreto, os traballos realizados foron os seguintes:

1.- Traballos de investigación e documentación:

  • Escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área aproximada duns 80 m2, coa finalidade de ampliar a escavación do acceso ao castro polo seu sector sueste e definir o muro perpendicular á muralla localizado na campaña anterior.
  • Levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico interpretativo das estruturas exhumadas.
  • Documentación exhaustiva fotográfica da escavación arqueolóxica.
  • Estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos mobles recuperados, tratamento dos mesmos (lavado, siglado e inventario) e depósito no museo correspondente.
  • Recollida de mostras para datacións e análises medioambientais.

2.- Traballos de conservación e acondicionamento básico:

  • Limpeza e roza de vexetación, baixo control arqueolóxico, tanto da zona de actuación coma do resto do xacemento (labores de mantemento).
  • Consolidación puntual das estruturas arqueolóxicas escavadas nas campañas anteriores.
  • Diagnose de conservación e consolidación preventiva das estruturas arqueolóxicas que se localizaron nesta nova campaña.
  • Traballos de conservación dos petróglifos sito na croa do castro (GA32011062). Incluído a súa limpeza e documentación planimétrica e gráfica.
  • Deseño e montaxe dun panel interpretativo do xacemento arqueolóxico.

Esta actuación foi contratada a Celso Hugo Barba Seara pola cantidade de 15.367,00 € (IVE incluído). Os traballos de campo comezaron o luns 28 de xullo e se desenvolveran durante 17 días hábiles baixo a dirección do propio Celso Hugo Barba Seara, na súa condición de arqueólogo.

Con esta nova actuación a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva investido no Castro de Garfián entre os anos 2021 e 2025 máis de 65.000,00 € (en concreto, 66.477,40 €).

RESULTADOS MÁIS DESTACADOS DA CAMPAÑA 2025

A campaña arqueolóxica 2025 no castro de Garfián levouse a cabo coa intención de seguir ampliando a escavación a carón da muralla do xacemento para seguir definindo posibles estruturas. Os resultados amosan, a nivel estrutural, a existencia dunha estrutura muraria duns dous metros de ancho, neste sector do castro, que se corresponde coa muralla que circunvala todo o mesmo. Está feita con grandes lousas de xisto na súa cimentación para logo presentar unha cara interior con lousas de xisto medianas e outra exterior de igual feitura con recheo interior a base de terra e lousas de semellante tamaño ás dos lenzos. Xunto a esta muralla e a carón da entrada, se ampliou a estrutura muraria descuberta na campaña anterior, que vai perpendicular á muralla e que apoia

sobre a mesma, presentando unha anchura duns 60 cm. Tamén se localizou una lareira feita a base de pedras fincadas e lousas de xisto planas, asociada aos restos dun pavimento e aos buratos de poste para suxeitar algunha estrutura feita con materiais perecedoiros. Por debaixo, estarían os restos dunha cabana circular feita con dobre fiada de pedras fincadas e restos de zona de combustión. Finalmente indicar que as datacións de C14 de materiais recollidos nesta zona de combustión xa rexistrada na campaña do ano 2024 indican una cronoloxía de finais do s. IV a. C.- principios do III a. C.

En canto aos materiais recuperados, aínda que escasos en cantidade, atopamos fragmentos que se corresponden con cerámica de tradición indíxena, algúns deles procedentes de grandes recipientes de almacenaxe e outros de uso cotián de servizo e/ou cociña, cunha tipoloxía e motivos decorativos que nos poden aproximar a unha caracterización cronolóxica entorno á segunda fase da Idade do Ferro ou Castrexo Clásico (s. IV a. C.- II a. C.). No nivel da lareira e pavimento asociado se recolleron varios fragmentos de ánfora (probablemente unha Haltern 70) e unha doa de pasta vítrea.

Por último, mencionar que os traballos de conservación dos petróglifos sito na croa do castro permitiron a súa limpeza e documentación planimétrica e gráfica. Como remate desta actuación arqueolóxica, as persoas interesadas en coñecer este xacemento arqueolóxico e os traballos desenvoltos nesta campaña 2025 poden achegarse este sábado 27 de setembro, ás 11:00 h, ata a aldea de Garfián. Este será o punto de inicio da visita guiada polo equipo arqueolóxico responsable da actuación. Para participar non fai falla inscrición previa, abonda con achegarse ao lugar á hora fixada

Vista xeral do sector escavado coa entrada ao castro en primeiro termo

Vista de detalle da zona escavada na campaña 2025

CASTRO DE GARFIÁN (BEARIZ, OURENSE)

Actuación:Escavación arqueolóxica e consolidación do Castro de Garfián (Beariz, Ourense), campaña 2025
Orzamento:15.367,00 €
Adxudicatario:Celso Hugo Barba Seara

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------