A Policía Nacional descubre ao autor dun incendio que queimou en setembro 7,5 hectáreas de monte en Cea

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o 17 de setembro no concello de San Cristovo de Cea.

O incendio rexistrouse na parroquia de Vilaseco e afectou unha superficie total de case 7,5 hectáreas, 2,97 hectáreas de terreo arborado e 4,5 de superficie rasa. Tras unha inspección ocular, os axentes determinaron que o lume foi orixinado durante unhas tarefas de desbroce cunha máquina desbrozadora de asento sen aplicar as medidas de seguridade necesarias neste tipo de traballos que, ademais, se estaban realizando nas horas do día con maior temperatura. Na extinción do incendio participaron catro avións, dous helicópteros, catro axentes forestais, 13 brigadas e catro motobombas.

Neste caso resultou investigada unha persoa e as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda do Carballiño. No que vai de campaña, a UPA leva 24 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------