O club MPC Terras de Cea Bike Team organizou esta pasada fin de semana o ‘I Trail Serra Martiñá’ e a ‘IV BTT Terras de Cea’ coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de San Cristovo de Cea, o Consello Regulador da IXP Pan de Cea e casas comerciais do municipio.
O programa deportivo comezou o sábado, ás 17,00 horas, coa saída dende a Praza Maior de Cea desta primeira edición do ‘Trail Serra Martiñá’, no que os atletas enfrontaranse a un percorrido circular de 18,46 km cun desnivel de 465 metros, xa que no itinerario pásase dos 530 aos 995 metros de altitude.
Xa onte domingo, a programación deportiva clausurábase coa saída, de novo dende a Praza Maior e ás 9,30 horas dos máis de 200 ciclistas inscritos de todas as provincias galegas que participanon na 4ª edición da BTT Terras de Cea, cun itinerario tamén circular de 36,56 km cun desnivel de 778 metros (de 467 a 988), coa mítica subida á Serra Martiñá e o paso pola contorna do Mosteiro de Oseira.
O alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, subliñou que “este tipo de actividades poñen en valor o patrimonio, a cultura, a natureza e a gastronomía do noso municipio, no que destacan o Mosteiro de Oseira e o pan de Cea coma os seus elementos senlleiros”.