Piñor estrea unha das estacións de mantemento de bicicletas instaladas polo Inorde na Vía da Prata

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), avanza na colocación de estacións de mantemento de bicicletas en puntos estratéxicos da Vía da Prata. Estas actuacións enmárcanse no proxecto de “Protección, desarrollo y promoción de los recursos turísticos y el patrimonio cultural vinculado a los caminos jacobeos del oeste ibérico. 0311-Camino-Vertical-6-E”, financiado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional con cargo ao Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP).

No marco deste proxecto, unha das actuacións é a valorización, mellora e recuperación de dos Camiños Xacobeos, a través do impulso dun itinerario cicloturista do Camiño. Neste caso, o importe total da actuación é de 24.000 euros para a adquisición das estacións de bicicletas e o importe da colocación ascende a 5.800 euros. En total, 29.800 euros de investimento.

O presidente provincial, Luis Menor, visitou este fin de semana, acompañado polo alcalde, José Luis González, un dos puntos instalados, nos arredores do albergue do Concello de Piñor. Menor destaca a aposta provincial pola especialización cicloturista como un “plus” do Camiño na provincia, remarcando o “impulso crecente” de servizos para os peregrinos dende a Deputación de Ourense. “O número de usuarios en bicicleta que elixen rutas na nosa provincia vai en aumento e aproveitaremos isto para dar máis e mellores servizos e atraer visitantes”, engade o presidente provincial.

A estatísticas da Oficina do Peregrino reflexan que o número de peregrinos en bicicleta supón un 13,31 % do total de usuarios no ano 2024 e, no que vai deste ano, un 12,48 %.

Menor apunta que este proxecto mellorará a competitividade dos Camiños Xacobeos como produto turístico “sostible, intelixente, innovador e integrador”.

Ademais de Piñor, están instalados unha decena de puntos, en estreita colaboración cos concellos implicados. Estas estacións de mantemento de bicicletas están situadas en A Mezquita, Verín, Vilariño de Conso, Castrelo do Val, Laza, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Allariz e Cea.

Ademais da mellora de competitividade do Camiño, o proxecto de mellora destes itinerarios ten obxectivos como: a aposta pola valorización do patrimonio cultural e natural, ser un elemento dinamizador para o desenvolvemento de novas oportunidades tanto económicas como culturais no territorio afectado, a mellora do equipamento, da sinalización e aplicación das novas tecnoloxías aos camiños ou o incremento da oferta cultural de carácter transfronteirizo.

Características das estacións

As estacións de mantemento de bicicletas consisten en catro unidades con módulo de carga, bases de corrente, soporte para a fixación das bicicletas, bomba de aire manual de 10 bares, conxunto de pequenas ferramentas para reparación e códigos QR con información de uso. O resto de unidades (6) conta con soporte para a fixación das bicicletas, bomba de aire manual de 10 bares, conxunto de pequenas ferramentas para reparación e códigos QR con información de uso.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------