O Centro de Estudios Chamoso Lamas organizou este pasado sábado un roteiro cultural por terras de Beariz, cun percorrido magníficamente guiado polo arqueólogo Jorge Lamas no que os participantes visitaron algúns dos lugares máis emblemáticos do patrimonio etnográfico, arqueolóxico e natural da contorna.
A Botica de Doade, o Castro de Garfián, o núcleo rehabilitado de Alvite ou o conxunto dos muíños do río Verdugo foron alguns dos enclaves de interese do municipio de Beariz que coñeceron os excursionistas, que se desprazaron nun autocar da empresa La Montañesa dende O Carballiño.
Os organizadores agradeceron ao alcalde de Beariz, Manuel Prado, o acto de benvida que lles ofreceu na Casa do Concello, e salientaron que o desenvolvemento deste roteiro “foi unha xornada de sorprendentes descubrimentos do valioso patrimonio cultural da comarca, que repetiremos noutros concellos”.