
Seis meses sen pisar o estadio municipal de Espiñedo e a primeira impresión é un ‘dejà vu’, xa que o marcador electrónico que custou varios miles de euros (e xa é o segundo) volta a estar inoperativo, igual cá tempada pasada. Así é que as primeiras sensacións non son boas, nos prolegómenos dun partido entre Club Deportivo Arenteiro e C.D. Guadalajara, correspondente á 7ª xornada de liga na Primeira Federación, que se disputou con 27ºC de temperatura ante uns 1.200 espectadores, e que rematou tal como comezou (0-0).
Un encontro que comezaron ben en ataque os verdes grazas ao xogo combinativo e sempre especial de Ferreiro. Pero este xogador multiposicional tivo que abandoar lesionado o campo, mediado o primeiro tempo, e aí remataron as expectativas. Mentres a defensa, ben comandada por Diego García, aguantaba as incursións esporádicos dos manchegos, o medio campo dos carballiñeses non era quen de conducir, coller ou recuperar o balón, de xeito que a dianteira escasas oportunidades tivo de demostrar as súas habilidades.
É así foi que o árbitro acadou o seu protagonismo para paliar a ausencia de goles por parte da ambos conxuntos. Primeiro, nunha xogada na que un defensa do Guadalajara despexou coa man un disparo do Arenteiro. Despois, nun gol ‘fantasma’ que os verdes reclamaron como válido. Nos dous casos, o árbitro axudouse dun improvisado ‘VAR’ que ofrece as imaxes das xogadas pregravadas pola televisión oficial da RFEF, para decidir a favor do equipo visitante.

Iso sí, protexido por media ducia de gardas de seguridade, que xunto con outros que levan o chaleco con lema ‘organización’ suman medio cento de persoas que circulan polo estadio sen que o público sexa capaz de coñecer o seu cometido.
Ao final, reparto de puntos, que coloca a C.D. Arenteiro na novena posición do grupo 1º da Primeira Federación. E, tamén coma en anos anteriores, o delegado de campo verde foi expulsado.