As autoridades loubaron a traxectoria do Balneario de Arnoia no 30º aniversario da súa creación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado ao 30 aniversario da creación do Balneario de Arnoia, un evento no que puxo en valor o papel a traxectoria do Balneario de Arnoia á hora de poñer en valor a aposta que desde a Xunta de Galicia se está a facer polo turismo termal, que concentra importantes recursos nos últimos anos.

No acto, que tamén contou coa presenza da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, lembrou a relevancia de Galicia no termalismo, a segunda rexión máis importante en toda Europa con máis de 300 mananciais e sete dos oito principais grupos de augas mineromedicinais. Engloba, ademais, o 20% de establecementos deste tipo en España, cunha oferta que suma preto de 3.000 prazas de aloxamento, das que dous de cada tres son de alta gama.

“Desde a Xunta de Galicia recoñécese este potencial como un dos principais recursos a desenvolver a nivel turístico”, sinalou o director de Turismo de Galicia. Merelles repasou algún dos principais movementos desde o Executivo autonómico neste eido, como a creación da Área de Turismo Termal en 2023 ou a posta en marcha do Plan de Turismo Termal posto en marcha este ano, con accións no horizonte 2028.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

En concreto, activáronse dúas liñas de axudas no eido do termalismo, centradas na posta en marcha de novos proxectos e na renovación dos establecementos xa existentes que se veñen a sumar ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos históricos, cunha inversión prevista de máis de 21 millóns de euros ata 2026 con fondos europeos Next Generation.

Este tipo de turismo contribúe significativamente á desestacionalización da oferta e á súa redistribución territorial, incidiu o director de Turismo de Galicia, e apóiase noutros recursos, como a oferta enogastronómica e o patrimonio natural e histórico, “co que se enriquece esa experiencia única que queremos que sexa a marca de calidade do turismo en Galicia”, sintetizou.

Luis Menor apunta á investigación científica como “o gran reto termal” 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reafirmou, pola súa banda, o compromiso da institución ourensá co termalismo como gran motor “económico, social, cultural e identitario” da provincia. Menor puxo en valor o acordo pioneiro ao que chegou a Deputación, xunto ao Concello de Arnoia, polo que o pasado mes de xullo de 2024 se logrou o compromiso da Fundación San Rosendo de ampliar a apertura do balneario, co apoio da Xunta de Galicia, e mellorar os seus servizos. “Hoxe estamos celebrando tres décadas dun balneario referente grazas á cooperación e ao diálogo”, sinalou Menor.

O presidente provincial felicitou a tódolos traballadores e axentes implicados na historia do balneario de Arnoia pola continuidade dun modelo de balneoterapia que, dixo, “é unha auténtica vangarda na que se fixan no resto de España”. E amosouse tamén convencido de que a colaboración e o traballo conxunto con Caldaria permitirá avanzar na consecución doutros proxectos de importancia para toda a provincia, como por exemplo novos establecementos termais na capital.

Menor puxo o foco na investigación dos efectos das augas mineromedicinais como “a gran oportunidade” e o “gran reto” do termalismo ourensán. Neste sentido, lembrou que o balneario de Arnoia foi o primeiro de España en realizar estudos hidroxeolóxicos nos anos noventa. “Aquilo foi unha revolución no eido termal e marca o camiño para que a investigación e a acreditación dos beneficios das nosas augas sexan a verdadeira punta de lanza desta provincia”, apuntou o presidenta da Deputación.

Durante o acto de celebración dos 30 anos do balneario, Menor e o resto de autoridades realizaron un percorrido polas zonas termais e coñeceron a Nova Unidade Terapéutica Termal, un espazo pioneiro orientado á prevención, recuperación funcional e coidado integral da saúde.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------