Detido o presunto autor do incendio que calcinou en agosto 3.500 hectáreas en seis concellos do Ribeiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Garda Civil detivo hoxe a un home de 33 anos de idade e veciño de Carballeda de Avia como presunto autor do incendio forestal que o pasado mes de agosto calcinou 3.500 hectáreas de superficie en seis municipios da comarca do Ribeiro.

A investigación foi desenvolta por un equipo multidisciplinar que a Garda Civil de Ourense creou ante a vaga de lumes que asolou a provincia en agosto, e que integraron efectivos pertencentes a distintas unidades da Comandancia co obxectivo de aclarar estes feitos. Así se puxo en marcha a ‘Operación Covelo’, que finalizou coa detención desta persoa.

O incendio en cuestión tivo a súa orixe ao fío das 14,30 horas do pasado 15 de agosto na parroquia de Vilar de Condes, en Carballeda de Avia, e posteriormente estendeuse aos municipios veciños de Beade, Leiro, Melón, Avión e Ribadavia, cun perímetro superior aos 43 quilómetros cadrados, según os datos oficiais da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Un incendio forestal que puxo en perigo a vida das persoas e que, en consecuencia, motivou a evacuación e confinamento de centos de veciños, ademais de provocar graves danos estruturais en diferentes edificacións, entre elas catro vivendas de Carballeda de Avia. Para o control e extinción deste lume foron necesarios medios humanos, terrestres e aéreos de diferentes comunidades autónomas e do propio Goberno do Estado.

O informe técnico realizado pola Garda Civil determinou o punto de orixe do lume, descartando que se produxera por causas naturais, o cal deu lugar ao inicio desa investigación e co obxecto de esclarecer o suposto feito delictivo.

O presunto responsable dos feitos xa pasou hoxe á disposición xudicial.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------