O CEIP Pena Corneira prepara un programa de actividades para festexar, este sábado 25 de outubro, os seus 40 anos de andaina en Carballeda de Avia, unha cita á que convida a tódalas persoas que estiveron ou están entre o alumnado e o persoal docente e tamén á toda a veciñanza do municipio.
A xornada abrirase ás 11,30 horas do vindeiro sábado nas instalacións do colexio público cunha recepción ás autoridades convidadas, entre as que se conta coa asistencia do alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, e o xefe territorial da Consellería de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro, que abrirán o turno de intervencións xunto con Pepe Rodríguez Iglesias, exdirector do centro de ensino.
A continuación, un grupo de exalumos das diferentes etapas do colexio levará a cabo unha lectura conxunta, á que seguirá unha actuación musical e a entrega de placas conmemorativas ás mestras Nonila Varela e Camila Conde e de obsequios ao resto do persoal docente asistente.
A programación rematará coa proxección dun vídeo no que se resume a traxectoria do centro en fotos antigas e un xantar de confraternidade entre tódolos membros da comunidade educativa e persoas convidadas.