O PSOE reclama na Deputación un financiamento xusto para o sector da discapacidade intelectual en Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense ven de presentar unha moción para reclamar un “financiamento xusto e suficiente” dos servizos sociais destinados ás persoas con discapacidade intelectual na provincia. A iniciativa foi presentada no Centro Ocupacional e Residencial “As Burgas” da Valenzá polo deputado provincial socialista e alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, quen estivo acompañado de deputadas e deputados provinciais do PSdeG-PSOE.

A iniciativa busca apoiar publicamente a campaña “A discapacidade intelectual en loita. Sen financiamento non hai futuro” impulsada por FADEMGA Plena inclusión Galicia e instar á Xunta de Galicia a actualizar con urxencia os módulos do concerto social. Valcárcel denunciou que as entidades federadas a FADEMGA están a sufrir unha “asfixia económica” derivada do incremento dos custos salariais e de funcionamento, mentres os módulos do concerto social permanecen practicamente conxelados.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O deputado socialista explicou que a aprobación do XVI Convenio Colectivo supuxo incrementos salariais do 10% para traballadoras e traballadores, ao que hai que sumar unha inflación acumulada superior ao 10,5% e a suba do Salario Mínimo Interprofesional do 18,4% nos últimos anos. “Fronte a este incremento real dos custos operativos, que supera o 20%, a Xunta de Galicia só propuxo unha actualización dos módulos do concerto social que oscila entre o 5,40 e o 7,88%, o que resulta absolutamente insuficiente”, denunciou o alcalde de Barbadás.

O tamén alcalde de Barbadás lamentou que a Consellería de Política Social e Igualdade siga sen convocar unha mesa de negociación real e directa a pesares das peticións formais cursadas desde hai meses por FADEMGA e AEDIGAL. “A ausencia de diálogo contrasta coa situación doutras comunidades autónomas que, co mesmo marco de financiamento, optaron por priorizar o incremento dos concertos e garantir a sustentabilidade das entidades sociais”, asegurou Valcárcel. Segundo este, “tal situación evidencia unha clara falta de vontade política por parte da Xunta para abordar o problema de raíz, o que está a levar ao sector a unha situación límite que pon en risco servizos esenciais para milleiros de familias ourensás”.

Xosé Carlos Valcárcel destacou que FADEMGA Plena inclusión Galicia agrupa a 42 entidades que representan a 10.720 persoas con discapacidade intelectual e contan con 1.834 profesionais en toda Galicia. A súa rede comprende 34 centros ocupacionais, 30 centros residenciais, 27 vivendas tuteladas, 15 centros de educación e 14 centros de emprego. “Na provincia de Ourense, varias destas entidades prestan servizos indispensables que garanten dereitos fundamentais. A desaparición ou deterioro destes servizos suporía un duro golpe para moitas familias ourensás, que ficarían sen apoio para o coidado, educación, emprego e inclusión social dos seus achegados con discapacidade”, advertiu o alcalde de Barbadás.

O deputado provincial socialista insistiu en que Ourense, polas súas particulares condicións sociodemográficas, precisa duns servizos sociais robustos e de calidade. “A Deputación non pode manterse á marxe e debe alzar a voz para reclamar solucións urxentes”, afirmou Valcárcel. O representante socialista recordou que do mesmo xeito que o seu grupo demandou a esta Deputación liñas de apoio complementario aos concellos en materia de Servizo de Axuda no Fogar polo insuficiente financiamento autonómico, agora urxe explorar mecanismos de apoio ás entidades de discapacidade intelectual provinciais mentres persista o desequilibrio nas achegas da Xunta.

Ademais de interpelar directamente ao goberno de Alfonso Rueda, a moción pide á Deputación de Ourense que estude liñas de financiamento complementarias para apoiar ás entidades de discapacidade intelectual da provincia pola insuficiencia de fondos autonómicos. “Non podemos permitir que a falta de compromiso da Xunta acabe coa labor esencial que estas entidades desenvolven na nosa provincia”, concluíu Valcárcel.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------