
A puntiño de entrar na segunda metade do desenvolvemento da XVIII Mostra de Teatro Amador ‘Terras do Orcellón’, mañá, sábado 25 de outubro, achégase á vila o grupo Teatro Terra de Outes cunha adaptación da comedia de Molière “O doente imaxinario … daquela maneira”, situando a acción nos tempos actuais e desbaratando o argumento inicial para transformalo en amoríos desviados, en situacións incorrectas para a moralidade do momento, expoñéndose a que Jean Baptista Poquelin se revolva na súa tumba e veña pedirlle explicacións aos autores de Outes.
Ao día seguinte, domingo 26, os organizadores desta mostra, o colectivo local Tiruleque Grupo de Teatro, poñen en escea o seu último traballo, “A conspiración da piolla” que se estrea no Carballliño, logo de meses de esforzo e multitude de atrancos que impediron presentala antes de agora. Esta comedia de 16 personaxes estará representada por sete actores e actrices, que contarán as intrigas externas e internas dun comando disposto a perpetrar un atentado contra o tirano que con man de ferro goberna un imaxinario país. As ridículas conspiracións dos compoñentes da cédula “terrorista” e os debates entre eles mesmos converterán todo o espírito e accións do atentado contra o déspota nunha situacións absurdamente cómica, que agravada polas soterradas puñaladas que se proporcionan os seus membros, transforman a cruenta conspiración na situación máis grotesca que se poida dar.
Coma sempre, as actuacións son ás 20,00 horas no Auditorio Manuel María, patrocinadas polo Concelo do Carballiño e a Deputación de Ourense, e cun prezo de 5€ a entrada.

















