A XIV edición dos Premios Arenteira xa ten galardoados: Icía Nogueira, Antonio Rey, Escola Madokoan e o Novocine de Leiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

GALARDOADOS DA XIV EDICIÓN (ANO 2025)

En reunión celebrada na sede de Cer&Ber o día 16 de outubro, de acordo co disposto nas súas bases, o Xurado do Galardón da Arenteira acordou outorgar esta distinción ás seguintes persoas e entidades:

CULTURA E INVESTIGACIÓN

-NOVOCINE DE LEIRO

O seu propietario e promotor, Enesto Romero, funda este emblema cinematográfico nos anos 80, anos nos que a industria de proxección está en franca crise en todo Europa e vive peches masivos das salas. El, teima no seu afán por mantelo vivo e non só o consegue senón que convértese en pioneiro no cine dixital e 3D na provincia de Ourense e un dos primeiros en Galicia, chegando a hipotecarse por lograr este soño. Dende o seu inicio mantén prezos populares e cine de estrea. Crea, ó tempo, un pequeno pero ilustrativo Museo do audiovisual dentro da propia sala sendo a única con programación estable que se mantén nas comarcas do Ribeiro e do Carballiño.

DEPORTE

-ESCOLA MADOKOAN

Este equipo e escola nacidos ó abeiro do Ximnasio do mesmo nome na vila do Carballiño. Vén desenvolvendo un importante papel formativo e competitivo dende hai máis de 40 anos, cunha intensa actividade formativa con cativos na que é un referente a nivel galego, pasando por deportistas na elite competitiva e outras persoas xa en idade fóra da competición do hapkido, kick boxing e outros arte marciais, dando como froito a consecución de diversos campionatos e premios individuais e colectivos a nivel galego e español.

PÓSTUMO

-ANTONIO REY CORNIDE.

O Xurado ten en consideración a súa longa traxectoria vencellada co mundo da cultura musical carballiñesa e galega e co fomento da mesma, sendo un axente activo como integrante da Coral do Casino e Presidente da mesma. Foi tamén Presidente da Federación Coral de Galicia, membro do grupo de teatro Tiruleque do Carballiño, fundador e director do Coro de Cámara Música Viva, do Carballiño e membro da Coral Polifónica de Agolada (Pontevedra). Nun acto celebrado na Coruña, foille imposta pola Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario”, a insignia de prata “Marcial del Adalid” pola súa constancia no eido musical. Malia á súa enfermidade, seguiu activo ata que a súa decaída saúde llo permitiu. Defensor do papel das corais dentro do espectro cultural galego, Antonio Rey, reivindicou sempre ese papel e a necesidade de potenciar esa importancia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

SUPERACIÓN NO ÁMBITO DA EDUCACIÓN

Este galardón, creado pra premiar a aqueles alumnos da ESO, Ciclos formativos da Formación profesional e Bacharelato que, ademais da súa actividade como alumnos dos diversos centros das comarcas do Ribeiro e do Carballiño, sofren atrancos na vida cotiá que impídenlle o desenvolvemento normal das súas vidas e dos seus achegados. Por iso, o Xurado tomando en consideración a situación persoal da alumna e sendo sabedores do sobresforzo de superación persoal, acorda conceder dito Galardón a Icía Nogueira Crespo, alumna de 2º da ESO no IES nº 1 do Carballiño que, coa súa situación médica e funcional, con infinitas limitacións, convértese nun punto de partida desde o cal ela mesma, coa axuda da súa familia e do equipo educativo, constrúe día a día unha historia de vida marcada pola ilusión, a valentía e o compromiso coa aprendizaxe.

O Carballiño, 17 de outubro de 2025. O Presidente do Xurado,

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------