O PPdeG salienta o incremento do 9% na partida de I+D+i que consigna a Xunta nos orzamentos do vindeiro ano

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia Juan Casares e José Luís Ferro salientaron hoxe o incremento nun 9% dos orzamentos que a Xunta de Galicia destinará o vindeiro ano a politicas de I+D+i e puxeron como exemplo do importante traballo que se desenvolve en Galicia neste ámbito a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que o vindeiro 5 de novembro cumprirá 40 anos desde a súa inauguración no concello ourensán de Leiro.

Acompañados do tenente de alcalde de Leiro, Ramón Álvarez, os deputados populares pola provincia de Ourense puxeron en valor a actividade investigadora, de formación e de transferencia de coñecementos que ao longo destas catro décadas leva realizando a Evega. “A aposta do actual Goberno galego pola investigación e o desenvolvemento visualízase ano tras ano, como acontecerá o vindeiro ano cos máis de 400 millóns de euros que destinará ao desenvolvemento de iniciativas no eido do I+D+i”, concretaron.

A Evega é a segunda estación enolóxica máis nova de España, pero a máis completa en atribucións, xa que asume como misión esencial fomentar o desenvolvemento tecnolóxico do sector vitivinícola galego. Ao logo dos seus 40 anos, esta entidade desenvolveu unha ampla actividade investigadora e de I+D+i, mediante a captación de proxectos con participación tanto pública como privada encamiñados a mellorar as condicións e as capacidades do sector vitivinícola galego.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

José Luís Ferro destacou que, “independentemente das colaboracións en publicacións técnicas e científicas, a Evega desenvolveu unha difusión directa do coñecemento en cursos, xornadas e talleres, contribuíndo á formación dos futuros profesionais a través de convenios con centros de formación profesional, desenvolvemento das prácticas curriculares e o adestramento de bolseiros”.

“Nestes 40 anos, a Evega serviu dun xeito eficiente ao sector do viño galego e contribuíu a revitalizar o noso rural, erixíndose nun núcleo xerador de oportunidades para a vitivinicultura galega a través da súa actividade investigadora e de I+D+i, da que derivaron coñecementos que adoptaron os profesionais”, manifestou Juan Casares.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------