O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu hoxe a presentación do encontro “Acuerdo Rural, liderando la transición desde los municipios rurales”, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Carballeda de Avia, en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), a Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e o Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico.
No acto interviron o alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia Méndez; Inés Santé, profesora e investigadora do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, e Juan Carlos Pérez, CEO de Aldealista. Luis Milia lembrou que nas reunións da FEMP prácticamente “só se falaba de concellos grandes e das cidades e non dos concellos de menos de 10.000 habitantes, que somos os que temos problemas de envellecemento, perda de poboación e soidade da veciñanza, e por elo estas xornadas están centradas en falar desta problemática e a ver se somos capaces ao final de ter uns criterios comúns para toda España e poñelos a disposición daqueles concellos que presenten proxectos para atraer poboación”. Milia avanzou que, “por vez primeira, a comisión executiva da FEMP celebrará unha xuntanza fóra da súa sede de Madrid”, concretamente será o vindeiro xoves na propia localidade de Carballeda de Avia ás 11.00 hs., como homenaxe aos pequenos concellos rurais.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Pola súa banda, Inés Santé indicou que “o obxectivo destas xornadas é precisamente lembrar o papel esencial das vilas e dos pobos do medio rural no benestar non só da poboación rural senón tamén da sociedade en xeral”. “Os grandes retos que afrontamos como sociedade, como pode ser a transición ecolóxica e enerxética ou o reto demográfico pasan necesariamente polo medio rural, onde se atopan os recursos para a seguridade alimentaria, as enerxías renovables e o ecosistema necesario para evitar o cambio climático”, engadíu.
Juan Carlos Pérez apuntou que “queremos lanzar unha mensaxe dende Ourense: os pobos non son pasado, son futuro, o rural é un lugar para vivir e traballar, para vivir máis e mellor”, de xeito que “o obxectivo non é restaurar pobos, é restaurar vidas”.
Así, máis que un programa de visitas e debates, o Acordo Rural será un espazo de encontro entre expertos, axentes rurais, representantes institucionais e iniciativas de referencia de España e Europa. O obxectivo é consensuar unha visión común para abordar os grandes retos e oportunidades dos concellos rurais e acordar as directrices xerais que guíen a acción coordinada das administracións públicas a curto e medio prazo.
O programa de actividades continuou coa exposición ‘Casos de éxito’, con representación de Ostana (Italia) | Alan Crapanzano, Viso a Viso
Cooperativa di Comunità; Quintadona (Portugal) | Belmiro Barbosa, presidente de CASAXINÉ, Associação para a Promoção e Desenvolvimento Cultural de Quintandona; Kuartango (País Vasco) | Miren Meabe, alcaldesa de Kuartang, e Esplús (Aragón) | Tania Solans, alcaldesa de Esplús.
Xa pola tarde, levouse a cabo unha visita a aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, baixo o epígrafe ‘Vivenda rehabilitada, espaco común, historia viva’, coas explicacións de Miguel Ángel Díaz de Eduardo Carlos Dipre, de Base Architecture, e Manuel Rodríguez, director de la Fundación RIA.
Esta primeira xornada concluíu cunha mesa-debate sobre “Un lugar para vivir: vivenda, rehabilitación e ordenación do territorio”, coa participación de Rita Gasalla, Observatorio de Arquitectura Saudable; Enrique Seoane Prado, arquitecto e profesor da Universidade da Coruña, e Luciano Alfaya, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.








