O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, comprobou hoxe no concello de Castrelo de Miño como traballan as brigadas contratadas no marco do programa autonómico Aprol Rural. Nunha visita na que tamén estivo o alcalde, Avelino Pazos, González aproveitou para destacar que o orzamento desta iniciativa se elevará ata os 20 millóns de euros en 2026, ao tempo que se incluirá a figura da persoa coordinadora nas contratacións, co gallo de reforzar a planificación e eficacia dos traballos de prevención de incendios forestais.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



O conselleiro detallou que en Castrelo de Miño foron cinco as persoas desempregadas contratadas para realizar tarefas relacionadas coa planificación preventiva fronte aos lumes, coa valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa en franxas secundarias, coa conseguinte mellora de oportunidades para atopar un emprego nun sector estratéxico como o forestal. Destacou ademais que este concello foi un dos que se acolleu á contratación anticipada que se ofreceu como posibilidade por primeira vez na convocatoria deste ano, unha vez realizada a solicitude de axuda. Unha opción á que se sumaron na provincia de Ourense de xeito maioritario, concretamente, 51 entidades locais para un total de 181 contratos (en toda Galicia foron 104 concellos e 314 contratos).
Nesa liña, o titular de Emprego fixo fincapé en que a provincia ourensá foi a máis beneficiada do Aprol Rural 2025, con máis de 5,6 millóns de euros repartidos entre 96 entidades locais para posibilitar un total de 331 contratacións de persoas desempregadas. É máis dun terzo do total galego, que supuxo a distribución de 14,2 millóns entre 298 municipios galegos para un total de 846 contratacións.
Máis aló da contratación anticipada, outra novidade foi a posibilidade de desenvolver accións formativas —por parte da Xunta e en colaboración coas entidades locais— para as persoas contratadas e relacionadas coa limpeza e mantemento de vías e parcelas, así como de prevención de incendios. Neste caso, na provincia de Ourense recibiron esas formacións un total de 88 persoas, máis dun terzo tamén do total galego de 253 persoas. A maiores, o conselleiro recordou que a orde de 2025 se centrou nos municipios de menos de 50.000 habitantes e, como outra novidade, tamén podían acceder as mancomunidades e consorcios locais exclusivamente de concellos.
De cara a 2026, recalcou, a iniciativa consolidarase tanto en orzamento como en contido para avanzar na prevención dos incendios forestais ao tempo que se mellora a empregabilidade das persoas contratadas no eido forestal. Á vez que puxo en valor a introdución da figura da persoa coordinadora e o incremento presupostario de preto de 6 millóns de euros ata os 20 M€, González aludiu a outras accións da Xunta como os obradoiros de emprego. Neste caso, segundo resaltou, destinarán máis da metade do investimento previsto de case 44 millóns á familia agraria, clave para o desenvolvemento rural e a prevención dos lumes.
Todo, concluíu, no marco da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais, que se seguirá reforzando —dixo— da man dos axentes sociais para seguir xerando emprego de calidade.









