Coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao, o escritor e xornalista da Limia, Paco López-Barxas, ven de publicar dous libros singulares e fermosamente editados por Teófilo Edicións: “Castelao entre Nós” e “Os soños de Daniel”. Dous libros de luxo, ilustrados por Isabel Pintado, para o luxo dunha figura que, no plano cultural e político, artístico e literario, puxo a Galicia no mapa de Fontán: o mesmo mapa que simbólicamente comparte protagonismo gráfico e textual nos dous libros.
“Castelao entre Nós” non é un ensaio crítico senón un achegamento á obra e personalidade do autor de “Sempre en Galiza”, ao que López-Barxas fai falar en primeira persoa. E faino arredor da súa vida e da súa obra, sen esquecer o seu pensamento, o que din e contan os seus propios coetáneos e amigos. Unha forma amena e didáctica de achegar a súa figura e de facela máis próxima a todos aqueles lectores que sintan a curiosidade por descubrir esta figura excepcional do noso século XX. Algo que o autor xa fixera cos catro volumes precedentes que compoñen o estoxo “Nós arredor de nós (100 anos dunha xeración irrepetible)”, publicados anteriormente pola mesma editorial, en 2020, con motivo do centenario da revista Nós.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Nesta liña, “Castelao entre Nós” é unha proposta ficcionada, un relato artellado de forma amena para achegar a figura de Castelao a un abano amplo de lectores. O propio título responde á finalidade de conquerir esta proximidade. Tras o inicial capítulo de “Arredor de min”, Castelao fai un percorrido en “Arredor de Nós” pola formación e desenvolvemento do grupo ao que pertence xeracionalmente, incluíndo os persoaxes principais e secundarios que o acompañan. Cabe mencionar neste desfile de abandeirados galeguistas aos integrantes de Nós, das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, amigos como Lousada Diéguez e Alexandre Bóveda, editoriais e revistas fundamentais no contexto cultural do seu tempo.
Tralo seguinte apartado, “Arredor do que dixen”, no que se recolle unha breve selección de textos de Castelao, Paco López-Barxas compila baixo o epígrafe de “Arredor do que din”, un conxunto de fragmentos e opinións de máis de 40 persoeiros das nosas letras, dende Antón Vilar Ponte e os integrantes de “Nós” ata outros como Piñeiro, Fole, Seoane, Cunqueiro, Granell, Novoneyra, Alonso Montero e Méndez Ferrín, entre outros.
“Castelao entre Nós” inclúe unha significativa escolma poética que leva por título “Arredor dos poetas” a modo de homenaxe. Composicións todas elas dedicadas a Castelao, entre as que figuran poemas de Ramón Cabanillas, Teixeira de Pascoães, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Salvador García Bodaño, Franco Grande, Dario Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, ou poemas inéditos realizados para esta edición por Xulio Valcárcel, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.
“OS SOÑOS DE DANIEL”
De xeito complementario, e dirixido a un público infantil, é o libro titulado “Os soños de Daniel”. Un libro tamén ilustrado por Isabel Pintado, que nos propón unha viaxe imaxinaria polos soños e arelas de Castelao, evocados por Eduardo Dieste, amigo da infancia rianxeira. Deste xeito, polas páxinas desta historia, nas que se mestura realidade e ficción, as pequenas e pequenos lectores descubrirán a un neno coma eles, que debuxa, soña e imaxina unha Galicia diferente sobre un vello mapa de Fontán.
Para Paco López-Barxas -autor de ampla obra de narrativa infantil, entre outros xéneros-, “Os soños de Daniel” pretende recrear os anos da infancia e adolescencia de Castelao, transcurridos entre o seu Rianxo natal e os da adolescencia na pampa arxentina. Unha homenaxe “a quen soñou cunha Galicia máis libre; unha invitación para descubrir a humanidade dun artista, político e escritor que, co seu talento, deu voz ás esperanzas dun pobo”. Daí que as ilustracións de Isabel Pintado se convirtan nun xogo visual que acompaña ao texto, mesturando cores vivas, trazos suaves e escenas que convidan á fantasía e a imaxinación. O resultado non é outro que un libro que se pode ler coa mirada mesmo antes de descifrar o seu contido.
Para o editor José Luis Teófilo, esta nova proposta está enmarcada dentro da celebración do Ano Castelao, co obxectivo de cubrir o baleiro existente dentro das publicacións destinadas aos lectores máis novos, coincidindo precisamente co inicio do curso escolar. Unha proposta diferente, luxosamente editada, amena e didáctica para achegar a figura do autor de “Sempre en Galiza”, e de facela máis próxima e gozosa a todos os que sintan a curiosidade por descubrir unha figura como a de Castelao, tan fascinante como irrepetible.
















