O Bloque Nacionalista Galego de Castrelo de Miño denuncia a situación de abandono e uso indebido do grupo escolar do municipio, que leva meses a empregarse como un vertedoiro improvisado. A portavoz municipal do BNG lembra que xa se advertiu desta situación en sucesivas ocasións e que, no último pleno da Corporación Municipal, o alcalde recoñeceu non atopar alternativa. “Gobernar é buscar solucións, non perpetuar problemas”, subliñan desde o grupo nacionalista.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Desde o BNG considérase inadmisible que se acumulen lixo e entullos no patio dun centro educativo, poñendo en risco a saúde e seguridade de profesorado e alumnado. “É imprescindibel adoptar medidas inmediatas que aseguren espazos públicos limpos e seguros, especialmente cando falamos dun lugar no que cada día xogan e aprenden nenos e nenas”, afirman.
A formación nacionalista lembra tamén que a recente suba da taxa do lixo debería traducirse nunha mellora real do servizo, algo que, por desgraza, non está a suceder. “En Castrelo de Miño seguimos a padecer o contrario: máis custe para a veciñanza e unha xestión deficiente que mantén situacións indignas como esta”, conclúen desde o BNG.









