O Concello de Piñor vén de anunciar que dende, mañá, 31 de outubro, ata o 13 de novembro, poderase visitar a exposición “Á violencia de xénero dille NON”, unha actividade concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, no marco do Acordo de Colaboración asinado entre este departamento e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), pola que se forma a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que o Concello de Piñor forma parte.
Coa devandita exposición, preténdese que a poboación aprenda a identificar a violencia de xénero e as principais manifestacións que se dan sobre todo entre a mocidade, tamén a discernir que é e que non é unha actitude machista nunha relación e a diferenciar unha relación tóxica e machista dunha igualitaria.
As persoas interesadas en visitar esta iniciativa poden acudir a Casa do Concello en horario de 8,30 a 15,00 horas, a partir de mañá, día 31, ata o vindeiro 13 de novembro. Esta é unha das actividades que levará a cabo o Concello de Piñor con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

















