O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Leiro vén de presentar un total de tres mocións en defensa do benestar animal, dos camiños municipais e da transparencia na xestión pública, que serán debatidas na sesión plenaria que celebrará a Corporación o vindeiro mes de decembro.
Concretamente, os socialistas de Leiro propoñen ao Concello que cumpra coa Lei 7/2023 e aprobe unha ordenanza municipal de Benestar Animal, con programas de esterilización (CER) e convenios con veterinarios e protectoras, xa que entenden que “coidar dos animais é tamén unha responsabilidade pública”.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Na segunda proposta, instan á aprobación dunha ordenanza de Protección dos Camiños, con fianzas, sancións e obrigas claras para as empresas madeireiras, “co obxectivo de garantir que as explotacións forestais non deterioren as nosas vías e camiños públicos”.
Finalmente, demandan máis transparencia no uso do campo de fútbol municipal Luis Sobrino e, por elo, reclaman unha xestión clara, igualitaria e pública das instalacións municipais. “Pedimos que se publiquen na web os convenios, gastos e entidades usuarias, para garantir o acceso en igualdade”, apuntan dende o grupo socialista de Leiro.
Con estas tres mocións, o PSdeG-PSOE de Leiro desexa”reafirmar o noso compromiso cun concello máis xusto, transparente e respectuoso co medio e cos animais”.
 
			 
		 
 

 
 
 








