O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Alonso, visitaron esta tarde a Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño para compartir unha xornada de convivencia cos residentes, dentro das actividades organizadas con motivo do tradicional magosto.
Durante a visita, alcalde e concelleira foron recibidos polos usuarios e polo persoal do centro “cun sorriso sincero e a calidez que os caracteriza”, segundo destacou o propio rexedor. A actividade incluíu unha merenda con chocolate quente e bica, así como unha celebración do magosto con castañas asadas, que creou un ambiente familiar e festivo.

O alcalde subliñou que “cada encontro cos nosos maiores é unha lección de vida e unha oportunidade para agradecerlles todo o que fixeron polo noso concello ao longo das últimas décadas”. Ademais, engadiu que, “mentres eu sexa alcalde, os maiores serán sempre unha prioridade. Nunca lles faltará o noso apoio, o noso respecto nin o noso cariño. Eles deron moito por nós e agora é a nosa responsabilidade estar á súa beira, acompañalos e coidar deles con toda a dignidade e agarimo que merecen”.
Pola súa parte, a concelleira Marisol Alonso destacou a importancia de “acompañar, escoitar e estar preto das persoas que tanto contribuíron a construír o Castrelo de Miño que hoxe coñecemos”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ambos agradeceron especialmente o traballo do equipo profesional da Vivenda Comunitaria, “polo seu agarimo, dedicación e apoio continuo cara aos residentes”.
O magosto que organizan cada ano converteuse xa nunha cita destacada na Vivenda Comunitaria, reforzando a convivencia interxeracional e mantendo vivas as tradicións que forman parte da identidade cultural do municipio.









