O alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Xuderías de España, César Fernández, desenvolverá esta semana unha completa axenda institucional en Madrid e París co obxectivo de fortalecer a relación con organismos culturais e turísticos de referencia e de abrir novas vías de colaboración que permitan incrementar a visibilidade do legado sefardí de Ribadavia.
A actividade comezará o martes no Centro Sefarad, ás 10.00 horas, onde Fernández manterá unha reunión co seu director xeral, José Thobar. O encontro servirá para analizar accións de difusión cultural e para reforzar a presenza de Ribadavia no marco das políticas de posta en valor do patrimonio sefardí.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A continuación, ás 11.30 horas, o alcalde será recibido polo director xeral do Instituto Cervantes, Luis García Montero. Sobre a mesa estarán futuras iniciativas de promoción da cultura sefardí tanto nas sedes españois como internacionais do Cervantes, así como a posibilidade de desenvolver accións culturais e gastronómicas que dean visibilidade ao papel histórico de Ribadavia dentro da Rede.
A última reunión do día terá lugar ás 13.30 horas coa Federación de Comunidades Xudías de España. Fernández reunirase co seu presidente, David Obadía, e coa directora xeral, Carolina Aisen, para impulsar proxectos formativos e planificar liñas de traballo conxuntas que reforcen a colaboración entre a Federación, a Red de Xuderías e os municipios integrados nela.
O mércores, o alcalde viaxará a París para manter unha reunión de traballo na Oficina de Turismo de España en París coa conselleira de Turespaña, María José Gómez. O encontro estará centrado na promoción internacional das cidades que integran a Red de Xuderías, explorando accións en ámbitos como actividades académicas, proxectos culturais, programas formativos e viaxes de prensa especializadas.
Ademais, César Fernández participará no Summit de Alcaldes para a promoción da cultura sefardí, un foro internacional que reunirá representantes municipais de diversos países. O alcalde presentará a traxectoria de Ribadavia na preservación do seu patrimonio xudeu e buscará establecer novas alianzas que permitan atraer iniciativas culturais e educativas ao municipio.
Esta axenda institucional permitirá reforzar a presenza de Ribadavia nos principais espazos de decisión e difusión da cultura sefardí, e abrirá a porta a futuros proxectos que poidan traducirse en beneficios culturais, turísticos e económicos para o municipio.
















