O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Castrelo de Miño para, acompañado do seu alcalde, Avelino Pazos, supervisar o estado das obras para a construción dunha senda peonil na estrada OU-404 no núcleo de Barral, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vai investir preto de 50.000 euros.
O delegado territorial explicou que os traballos consisten no acondicionamcento como senda o espazo dispoñible na marxe da estrada, entre os puntos quilométricos 31+490 e 31+780, co fin de mellorar a mobilidade peonil entre o núcleo de Barral e a intersección coa estrada OU-402. Nesta liña, concretou que a senda cuneta conectará as beirarrúas existentes na intersección coa beirarrúa existente próxima á igrexa de Nosa Señora dás Neves de Barral.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Tamén detallou que o tramo comeza conectando coa beirarrúa existente uns 9 metros antes do acceso á igrexa, salva a entrada ao santuario e continúa sen interrupción ata o final da vía. No caso das frontes de casas e accesos a leiras, a inclinación dos noiros modificarase para permitir que os vehículos accedan ás propiedades con comodidade. Así mesmo, aproveitarase esta intervención para dispor de arquetas-sumidoiros e un novo colector de pluviais.
Plan de sendas Xunta
Manuel Pardo aproveitou a súa visita para subliñar que esta medida é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por fomentar unha mobilidade segura e sostible que, a través do Plan de sendas, permitiu habilitar máis de 300 novos quilómetros de itinerarios para peóns e ciclistas nos últimos anos por toda Galicia.
O representante do Goberno galego destacou que a Xunta destinará outros 70 millóns de euros ata 2027 para executar 120 novos quilómetros de sendas co fin de dotar de itinerarios que favorezan os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro aos veciños.









