Na sesión desta mañá foron aprobados sete acordos destinados a fortalecer o emprego xuvenil, mellorar infraestruturas municipais e apoiar proxectos culturais que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia
Ourense, 24 de novembro de 2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe en sesión ordinaria, aprobou sete acordos destinados a fortalecer o emprego xuvenil, mellorar infraestruturas municipais e apoiar proxectos culturais que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia, sumando todos eles un total de 135.674,21 euros. Con estes acordos, a Deputación de Ourense continúa a reforzar o seu compromiso cos concellos, coa mocidade, coa sustentabilidade e coa cultura.
Entre os asuntos tratados, deuse luz verde á fixación do prezo público dunha das obras incluídas no Plan Anual de Publicacións de 2025, que estará referida á Vía da Prata. Terá un prezo de venta ao público de 25 euros + IVE.
No que atinxe á cooperación cos municipios (130.674,21 euros), a Deputación continúa a súa aposta por apoiar iniciativas que fomenten o emprego e a capacitación profesional, aprobando para elo dúas subvencións destinadas ao Concello de Boborás: 30.000 euros para un programa de emprego para persoas mozas e 17.000 euros para o obradoiro dual de emprego Carbomas, que combina formación e traballo remunerado, facilitando a inserción laboral.
A institución provincial deu tamén o visto e prace a diversas axudas que permitirán avanzar en obras de mellora e proxectos ambientais no rural ourensán. Así, o Concello de Taboadela obterá 59.993,07 euros para a urbanización dun espazo recreativo e recuperación dun espazo natural, reforzando áreas de convivencia e lecer.
O Concello da Peroxa tamén percibirá 10.000 euros para a obra de rede de saneamento en Vilar, mellorando así a calidade dos servizos básicos para a veciñanza. Pola súa banda, o Concello de Vilar de Barrio recibirá 13.681,14 euros para a creación de cubertas verdes que incrementan a biodiversidade, un proxecto innovador orientado á sustentabilidade e á mellora ambiental.
No referido á cooperación con entidades, a Deputación reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural coa concesión dunha subvención de 5.000 euros á Fundación Araguaney–Puentes de Cultura para o Festival Amal en Ruta.









