O Grupo de Acción Feminista do BNG do Ribeiro organiza este sábado, 29 de novembro, ás 12,00 horas, no Museo Etnolóxico de Ribadavia, o acto cultural titulado “Castelao e a perspectiva de xénero”, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O encontro pretende ofrecer unha análise e reflexión sobre a visión de Castelao respecto da muller e sobre como esta perspectiva se manifesta na súa obra artística, literaria e política. A través deste acto búscase pór en valor a mirada humanista e igualitaria do autor rianxeiro, así como establecer pontes entre o seu pensamento e os debates feministas contemporáneos.
O acto contará coa participación de Marta Dacosta, escritora e docente, e Isabel Risco, actriz e creadora escénica, quen achegarán dúas visións complementarias sobre a relevancia do pensamento de Castelao desde unha óptica actual e feminista. A actividade, que se desenvolverá en formato café-coloquio, terá unha duración aproximada de hora e media e estará aberta a toda a cidadanía.
A estrutura do evento incluirá unha presentación inicial das convidadas, as súas intervencións individuais (20 minutos cada unha) e un coloquio aberto co público asistente. Durante o encontro exhibiranse tamén diversas ilustracións procedentes do libro “Castelao
esencial. Escolma básica da obra de Castelao”, que servirán de apoio visual á reflexión e ao diálogo.
Desde o BNG do Ribeiro salientan que este tipo de iniciativas “pretenden achegar a figura de Castelao ao presente desde unha perspectiva feminista, poñendo en valor a súa sensibilidade social e o seu compromiso coa igualdade”. O evento conta coa colaboración do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

















