O documento apróbase sen votos en contra e reforza servizos básicos, a atención a maiores e os investimentos municipais
A Arnoia, 26 de febreiro de 2025.
O Concello da Arnoia aprobou este mércores os orzamentos municipais para o ano 2026, que ascenden a 1.963.000 euros. As contas foron validadas con 7 votos a favor do grupo Popular e 2 abstencións do grupo Socialista, sen que se rexistrase ningún voto en contra.
Orzamentos “adaptados ás necesidades do municipio”
O alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, destacou que as novas contas son “acordes ás necesidades básicas do municipio”, sinalando que o exercicio 2026 permitirá potenciar os servizos de abastecemento, saneamento e conservación de viais, ademais de reforzar a atención á terceira idade e o apoio ao sistema educativo local.
Situación financeira saneada
Aparicio subliñou tamén a “excelente saúde financeira” do Concello, que actualmente non rexistra débeda e mantén un importante remanente de tesourería. Con todo, lamentou non poder destinalo a certas necesidades urxentes debido á reactivación das regras fiscais impostas polo Goberno central, e que bloquean a posibilidade de utilizar o aforro municipal.
Persoal, investimentos e servizos
O capítulo de persoal só aumenta en proporción ao IPC e representa aproximadamente o 20% do orzamento, o que permite liberar recursos para tarefas de mantemento, conservación e obra nova. Neste sentido, o Concello contará con máis de 400.000€ euros para investimentos durante 2026.
Unha das partidas relevantes é a achega á Mancomunidade do Ribeiro, entidade a través da cal se prestan servizos como a recollida de residuos, o SAF, os servizos sociais, Axuda Temperá, psicoloxía, recadación municipal ou obradoiros de emprego. A achega municipal mantense respecto ao ano anterior, a pesar da saída de Cortegada da entidade, xa que se prevé unha redución de gastos e unha mellora nos ingresos do organismo supramunicipal.
Reforzo do mantemento e limpeza de leiras
O grupo de goberno municipal incrementará nun 20% a partida de mantemento e conservación. Este aumento permitirá executar actuacións de limpeza en leiras abandonadas en zonas urbanas, traballos que en moitos casos terán un retorno económico limitado #ante a ausencia de propietarios identificados.
Apoio a maiores e ao ámbito educativo
O orzamento mantén as partidas destinadas a actividades e apoio á terceira idade, así como as melloras previstas no colexio e os diferentes servizos de apoio á comunidade educativa, que se plasman no cofinanciamento de actividades extraescolares, almorzos saudables, viaxes de carácter educativo etc.
“Os mellores orzamentos posibles”
O alcalde Rodrigo Aparicio concluíu asegurando “que se seguirá apostando por apoiar o termalismo, o asociacionismo e como non a festa do pemento de Arnoia concretando que estes orzamentos son os mellores posibles en función dos ingresos dispoñibles, e así o evidencia o feito de que non recibisen ningún voto en contra”.









