Medio Rural pon en valor as axudas para elaboración e comercialización de viño, dotadas con 5,5 M€ no 2026

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor en Castrelo de Miño o apoio da Xunta ao sector galego do viño, que se concreta, entre outras medidas, coas axudas para os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. A convocatoria deste ano para o exercicio de 2026 está aberta ata o próximo día 30 de xaneiro e conta cunha dotación orzamentaria de 5,5 millóns de euros.

Así o lembrou hoxe a conselleira na súa visita á adega Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas, que recibiu o Acio de Ouro ao Mellor Viño Branco nas Catas de Galicia 2025, organizadas pola Xunta e os consellos reguladores vitivinícolas. Gómez estivo acompañada neste acto polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; a presidenta do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, e o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos.

A titular de Medio Rural sinalou que con estas subvencións preténdese mellorar o rendemento global das adegas, facilitar a adaptación ás demandas do mercado e impulsar a súa competitividade. Trátase, engadiu, dun apoio co que se financian investimentos materiais e inmateriais nas instalacións de transformación e nas infraestruturas vinícolas, como pode ser o caso de actuacións de eficiencia enerxética. Precisamente, esta adega foi beneficiaria en 2022 dunha destas axudas, coa que puido instalar paneis fotovoltaicos que cobren parte das súas necesidades de enerxía.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por iso, aseverou Gómez, estas achegas son moi beneficiosas para as industrias do sector, como tamén o son aquelas destinadas á reestruturación e reconversión de viñedo ou para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países. Este paquete de apoios, xunto con outras liñas, supoñerá en 2026 un esforzo orzamentario de ao redor de 12 millóns, destacou a conselleira, quen afirmou que a Xunta seguirá traballando de forma conxunta coas adegas e viticultores para garantir un futuro sostible, competitivo e de calidade para o rural.

Nesta mesma liña, Gómez puxo de relevo que o ámbito do viño aglutina en toda Galicia a máis de 10.000 viticultores e preto de medio milleiro de adegas que elaboran o seu produto baixo algún dos selos de calidade amparados polas cinco denominacións de orixe (DO) e outras tantas indicacións xeográficas protexidas (IXP). Uns indicativos que constitúen “unha mostra da variedade e diversidade deste sector en Galicia”, remarcou. Unha variedade que, tal e como sinalou, preténdese visibilizar tamén coa campaña de publicidade dos viños galegos que acaba de ser lanzada estes días.

A adega Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas comezou a súa andaina en 2007, elaborando viños baixo a DO Ribeiro. Na actualidade, conta cunha plantación de viñedo de 10 hectáreas e comercializa catro viños, todos eles dentro desta denominación de orixe, cunha capacidade de produción de 56.000 quilos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------