A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para investir 1 millón de euros na renovación e posta en marcha da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade.
Tal e como recolle o convenio, que terá unha vixencia inicial ata o 31 de decembro de 2028, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asumirá o 80% do custo da actuación, que será cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e o Goberno local, o 20% restante.
Segundo explicou Ángeles Vázquez, esta actuación permitirá resolver as deficiencias técnicas que presenta a actual infraestrutura municipal, así como dotala de sistemas tecnolóxicos que garantan un funcionamento automatizado e eficiente.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
En concreto, intervirase sobre a liña de auga (que dá entrada ao material residual na depuradora e se ocupa do seu tratamento) para substituír as dúas bombas actuais, instalar un novo caudalímetro e construír tamén unha arqueta nova provista de dúas canles, ademais de intervir no sistema de pretratamento das augas residuais. En canto á liña de lodos da nova EDAR, está previsto tamén o cambio das bombas de recirculación existentes e da destinada á purga dos lodos, ao tempo que se substituirá o equipo de deshidratación manual existente por outro automático.
Ademais, as obras proxectadas tamén incluirán outros traballos de acondicionamento e mellora das instalacións como, por exemplo, limpeza e impermeabilización interior das principais estruturas e rehabilitación do edificio de explotación; instalación dun sistema de xestión (SCADA) e substitución do cadro eléctrico da depuradora e do cableado aos equipos; e adecuación do camiño que dá acceso á EDAR.
Cómpre lembrar que esta obra é unha das intervencións hidráulicas de maior calado comprometidas este ano pola Xunta na provincia de Ourense. De feito, a Xunta está a avanzar na planificación e execución de 11 intervencións importantes e varias obras de menor envergadura que tamén teñen un impacto notable no funcionamento destes servizos. O investimento total estimado para a execución deste paquete de actuacións ascende a 8,5 millóns de euros, contía cofinanciada con fondos propios da Xunta (aproximadamente nun 51%), europeos e municipais.
A actuación en San Cristovo de Cea enmárcanse tamén na colaboración que mantén Augas de Galicia coas entidades locais, que son as competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración, para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da Comunidade e mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.
Así, ese compromiso cos gobernos municipais plasmouse este ano no orzamento de Augas de Galicia e manterase en 2026 cunha partida global de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 M€— e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.









